O PP de Cervantes fai balance do 2025 cun ano de intensa actividade política e avances para o municipio

LugoXa
O comité executivo destaca o incremento da afiliación, a maior transparencia institucional e melloras en servizos, infraestruturas e patrimonio
Xunta-directiva-PP-Cervantes
17 Dec 2025

O Partido Popular de Cervantes celebrou unha nova reunión do seu comité executivo para analizar o traballo desenvolvido ao longo do ano 2025, un período que a formación cualifica como marcado polo esforzo continuado, a defensa dos intereses da veciñanza e a consecución de avances relevantes para o municipio. No encontro púxose o foco nun balance que reflicte unha actividade política intensa e sostida no tempo.

O presidente do PP de Cervantes, Óscar Fernández, destacou o compromiso do conxunto do equipo popular e subliñou que os resultados acadados son froito dun traballo colectivo e coordinado, no que todos os integrantes da formación avanzaron na mesma dirección co obxectivo de mellorar a realidade do concello.

Durante o ano 2025, o Grupo Municipal Popular levou ao pleno do Concello un total de 17 mocións, ademais de formular 32 rogos e 21 preguntas, unha actividade que desde o partido interpretan como mostra dun labor activo de control e fiscalización da acción do goberno local.

Entre os fitos máis salientables desde o inicio do mandato, o PP subliña o aumento da cota de afiliación nun 95%, un dato que consideran indicativo do crecemento e fortalecemento do proxecto popular en Cervantes. Tamén salientan que, por primeira vez, as sesións plenarias do Concello están a ser gravadas e retransmitidas, unha medida orientada a mellorar a transparencia institucional que, segundo sinalan, contou coa oposición do goberno local socialista.

No ámbito social, o balance inclúe a incorporación nos orzamentos municipais do pagamento da quilometraxe ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, atendendo unha reivindicación histórica do colectivo. No eido das infraestruturas, o PP destaca a licitación e execución de numerosas actuacións, como o arranxo de fontes e camiños, entre eles o de Noudelo, os accesos a Savane e Vilartatín, a estrada de Quindous ao cruce da Folgueiroa, o acceso a un domicilio en San Pedro ou a mellora da estrada de Cancillós ao Portelo, actuacións que contribuíron a incrementar a seguridade viaria e a calidade de vida da poboación.

A formación popular tamén lembra que foi grazas ao seu impulso, liderando a solicitude dun pleno extraordinario, que se reclamou un novo convenio para o arranxo dos tellados das Pallozas de Piornedo, un elemento patrimonial de gran valor histórico e simbólico para o concello. Xunto a isto, desde o PP de Cervantes poñen en valor o apoio da Xunta de Galicia aos concellos rurais, destacando, entre outras cuestións, o incremento das paradas de transporte escolar no municipio.

Óscar Fernández concluíu o balance asegurando que este ano de traballo demostra que a combinación de esforzo colectivo, compromiso político e proximidade coa veciñanza tradúcese en resultados concretos para Cervantes.

⚙ Configurar cookies
0.079901933670044