O PP de Cervantes grava por primeira vez o Pleno para facilitar o acceso da veciñanza á información

O Partido Popular de Cervantes comezou a gravar os Plenos municipais co obxectivo de achegar aos veciños e veciñas a información sobre os asuntos debatidos polos distintos grupos políticos sen necesidade de asistir presencialmente ás sesións.
Segundo explican, trátase dun acto público que, conforme recollen sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, así como recomendacións da Defensora del Pueblo, pode ser gravado por calquera cidadán.
A formación popular lembra que o seu grupo municipal xa presentara hai un tempo unha moción para instar o goberno local, do PSOE, a instalar os medios necesarios para rexistrar e difundir os Plenos en directo por streaming, pero a proposta foi rexeitada polo executivo socialista.
A pesar da negativa, o pasado 9 de xullo o Grupo Municipal Popular procedeu á gravación do Pleno facendo uso de medios propios, seguindo o disposto legalmente.
O portavoz, Óscar Fernández, explicou que a intención do PP é continuar realizando estas gravacións en todas as sesións plenarias a partir de agora, co obxectivo de garantir o acceso da veciñanza á información municipal. As imaxes difundiranse a través dunha canle específica na plataforma Youtube.