O PP de Cervantes logra o apoio unánime para restaurar as pallozas de Piornedo

O Grupo Municipal do PP de Cervantes conseguiu o apoio unánime de todos os grupos políticos da corporación local á súa proposta para que a Xunta de Galicia promova unha acción conxunta coa Deputación e o Concello para restaurar e protexer as pallozas de Piornedo.
A proposta foi aprobada no pleno extraordinario celebrado este xoves, en resposta á solicitude dos veciños da aldea, que pedían axuda polo mal estado destas construcións tralo paso da borrasca Herminia.
O portavoz do PP en Cervantes, Óscar Fernández, destacou que "o estado de conservación das pallozas, e máis concretamente dos teitos, é preocupante", e subliñou que "para os seus propietarios, é practicamente imposible manterlas debido aos altos custos e á escaseza tanto de palla como de teitadores".
Fernández cualificou de "lamentable" que "o Goberno local nunca tivera interese nin propuxera ningunha iniciativa para buscar solucións" ao deterioro das pallozas, que considera "un icono dos Ancares e o principal reclamo turístico do municipio".
O portavoz popular criticou que, pese ás múltiples peticións do seu grupo no Pleno para destinar fondos municipais que axudasen aos veciños de Piornedo, o equipo de goberno negouse, alegando falta de recursos.
O portavoz popular tamén lembrou que en 2014 a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo asinaran un convenio de colaboración para a rehabilitación das pallozas. "Os fondos da Xunta foron usados para a conservación das pallozas, pero os da Deputación de Lugo foron desviados a outros fins, como o alumeado público de Piornedo, que aínda non foi reparado", explicou Fernández, denunciando que os veciños teñen que usar lanternas para poder ver na aldea.
Óscar Fernández tamén resaltou o traballo da asociación Teitos do Piornedo, creada polos veciños co fin de conservar este patrimonio, e insistiu na importancia de asinaren un convenio de colaboración entre a Xunta, a Deputación e o Concello para garantir a conservación e restauración das pallozas de Piornedo. "É vital contar cun plan para a reparación das pallozas", concluíu.