O PP de Cervantes pide unha reunión coa Xunta para abordar o peche do consultorio de Doiras

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Cervantes solicitou unha reunión co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia para analizar a situación da atención sanitaria no municipio e abordar dúas cuestións que, segundo sinalan, están a xerar preocupación entre a veciñanza.
Nun escrito remitido á Consellería de Sanidade, o concelleiro e portavoz do grupo popular, Óscar Fernández Gómez, expón a inquietude existente pola situación actual do servizo sanitario no concello. Entre os asuntos que consideran prioritarios figura o peche do consultorio médico de Doiras, unha circunstancia que, segundo indican, deixa sen este servizo de proximidade a unha parte relevante da poboación da zona.
Ademais, o grupo municipal tamén traslada á Xunta a preocupación pola situación da praza médica no Centro de Saúde de San Román. Segundo explican, na actualidade existe unha vacante sen cubrir tras o último concurso de traslados, o que está a provocar dificultades na atención sanitaria ordinaria.
Desde o Partido Popular lembran que Cervantes é un municipio rural cunha poboación moi envellecida e con importantes problemas de mobilidade, polo que consideran esencial garantir unha atención sanitaria estable e próxima para manter a calidade de vida da veciñanza.
Por este motivo, o portavoz popular solicita manter un encontro co responsable autonómico de Sanidade, ou co equipo da consellería que se considere oportuno, co obxectivo de analizar a situación actual e buscar solucións que permitan asegurar unha atención sanitaria adecuada para os veciños e veciñas do concello.