O PP de Cervantes traslada ao conselleiro de Sanidade as necesidades do municipio

Os concelleiros do PP de Cervantes mantiveron unha xuntanza de traballo co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que abordaron a situación sanitaria actual do municipio.
Na reunión, na que tamén participou a concelleira Encarna Amigo, o voceiro do PP, Óscar Fernández, destacou que trasladaron ao conselleiro as principais necesidades e preocupacións da veciñanza, facendo especial fincapé na importancia de garantir a estabilidade da atención médica, a cobertura das prazas profesionais e o mantemento de servizos sanitarios públicos e de calidade no ámbito rural.
Durante a xuntanza detallouse a situación do centro de saúde de San Román, confirmándose que o centro mantén as dúas prazas de médico de familia. “Unha delas quedou vacante o mes pasado por traslado do facultativo que a ocupaba, e non pola eliminación da praza, como pretenden facer crer outras formacións políticas, alimentando desinformación”, sinalou Óscar Fernández. Dende a Consellería confirmaron que a praza non está amortizada e continúa ofertándose para a súa cobertura. “Mentres, a asistencia sanitaria está garantida mediante a médica titular, con reforzos mediante substitucións dous días á semana e prolongación de xornada”, engadiu.
O centro conta tamén con dúas prazas de enfermería cubertas e persoal administrativo que asegura o funcionamento diario do servizo. Ademais, as aproximadamente 200 tarxetas sanitarias correspondentes ao consultorio de Doiras integráronse nos cupos do centro de saúde de San Román. Esta medida temporal garante a asistencia sanitaria centralizada mentres non se cubra a segunda praza de médico, que permitirá recuperar a organización asistencial previa. O PP de Cervantes reiterou que seguirá colaborando coa Consellería e traballando de maneira responsable para mellorar a sanidade e defender os intereses da veciñanza.