O PP de Lugo acusa ao Concello de derivar 1.2 millóns de euros da partida de persoal a outros gastos
O PP de Lugo acusa ao Goberno local de derivar, durante o 2023, 1.2 millóns de euros da partida de persoal para outros gastos “pouco transparentes e de dubidosa necesidade ue deberían estar planificados con antelación”, sinala a voceira, Elena Candia. Poñen como exemplos os anticipos de caixa de 5.000 euros para gastos de alcaldía; os 96.026 euros para equipamento e mobiliario de Impulso Verde, os 17.950,62 euros do centro de control móbil para videovixilancia do San Froilán ou os 36.058 euros para o Mercado Navideño.
Engaden que neste 2024 tamén quitaron, desa mesma partida, case 300.000 euros que lle correspondían ao persoal para cuestións como pago de facturas de gas ou para facer o prego do mantemento dos parques infantís. Estas prácticas confirman que “socialistas e nacionalistas cando gobernan fan todo o contrario do que dicen nos seus programas, e do que demandan onde non gobernan”.
O único posto “que lles preocupa e que lles interesa a socialistas e nacionalistas é o da súa cadeira”, engadindo que “en materia de persoal o Concello de Lugo está “xestionando como unha patronal rancia, nin escoita, nin cumpre a palabra dada”. A popular lembrou como o Partido Popular apoiou nos encontros que mantiveron cos representantes dos traballadores as diferentes reivindicacións que os sindicatos (CSIF, CC:OO, CIG, UGT, AFI- USO e SPPLB) denunciaron.
Críticos coa xestión de persoal
Candia manifestou que os traballadores foron pacientes xa que moitas das reivindicacións que puxeron riba da mesa veñen do ano 2019, rexeitando as acusacións de deslealdade coas que o goberno local lles replica. Por outra banda, a popular tamén valorou última sentenza, que vén de perder o Concello de Lugo, sobre a cobertura do posto da xefa de arquitectura. “A xestión de PSOE e BNG é ou ben inacción absoluta, esperando a que as cousas se solucionen por si soas, ou ben cando toman unha decisión fano para impedir que a xente traballe”.
Para a popular esta forma de actuar en materia de persoal obriga aos afectados a acudir aos tribunais e insiste que no caso do posto da xefa de arquitectura queda demostrado tras ler a sentenza que “o goberno local impediu que unha persoa tomara posesión de forma intencionada”. Por último, Candia invita a alcaldesa a que “asuma responsabilidades” e recoñeza que “o seu erro con esta funcionaria”, lembrando que ela era a responsable de urbanismo cando tiveron lugar estes feitos.