O PP de Lugo acusa ao Goberno local de priorizar cargos políticos fronte á "crise de persoal"

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo denunciou que a Xunta de Goberno Local aprobou a cobertura de dúas novas prazas vinculadas á Alcaldía, unha decisión que, segundo os populares, evidencia a prioridade do executivo municipal por reforzar a estrutura política en lugar de atender as necesidades urxentes dos servizos públicos, que continúan nunha situación crítica pola falta de persoal.
Desde o PP critican que se opte por incrementar os recursos ao servizo do alcalde mentres áreas fundamentais como o servizo de augas seguen operando por debaixo do mínimo necesario e afrontan serias dificultades para prestar unha atención adecuada á cidadanía.
“Resulta inadmisible que se contrate persoal para facer política mentres se abandonan os servizos públicos esenciais. Lugo merece unha administración que funcione e pense na xente, non no autobombo”, asegurou a voceira do grupo popular, Elena Candia.
A formación lembrou que a situación de colapso nos servizos municipais é tal que mesmo sindicatos como CCOO están a chamar á mobilización cidadá para denunciar, entre outros aspectos, a incapacidade do goberno local para garantir o funcionamento básico do Concello, a precarización e progresiva privatización dos servizos públicos —o que implica un custe engadido para a veciñanza—, e a falta de respecto ao persoal municipal, ao que se lle negan dereitos laborais mentres se lle responsabiliza do caos organizativo.
O PP de Lugo sumouse ás reclamacións sindicais e exixe unha dotación inmediata de persoal, unha planificación eficaz e unha xestión municipal máis transparente. “Elixe cubrir postos políticos antes que garantir servizos básicos. Esta é a crúa realidade dun goberno que vive de costas aos problemas reais da veciñanza”, concluíu Candia.