O PP de Lugo afirma a desconfianza que ten Paula Alvarellos en Rubén Arroxo

LugoXa
Os populares recriminan que “socialistas e nacionalistas incumpran a lei e gasten máis do que teñen sen priorizar as verdadeiras necesidades da cidadanía”
elena-candia-pp-de-lugo
15 Dec 2024

O Partido Popular de Lugo asegurou que os feitos acontecidos o pasado xoves, 12 de decembro, "confirman a desconfianza e falta de entendemento" entre o PSOE e o BNG no goberno municipal. Os populares critican que a alcaldesa, Paula Alvarellos, delegase as súas funcións no voceiro do BNG, Rubén Arroxo, entre as 17:00 e as 19:00 horas, tempo no que se asinaron tres decretos que levantan reparos de legalidade sobre facturas de servizos xestionados polo Bloque Nacionalista Galego.

A portavoz popular, Elena Candia, destacou que estas facturas, que suman 181.838,91 euros (dos cales 174.160,71 euros corresponden á área de Cultura), presentan irregularidades sinaladas polos técnicos municipais. Entre elas atópanse fraccionamento irregular de contratos, falta de procedemento de licitación e prórrogas tácitas de contratos sen cobertura xurídica. Segundo os populares, esta práctica vulnera varios artigos da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP), como o 99.2, 118, 29.2 e 29.8, así como o acordo da Xunta de Goberno Local do 13 de febreiro de 2022.

Os populares tamén denunciaron que esta situación non é un caso illado. Candia afirmou que neste 2024 xa se tramitaron máis de cen facturas ignorando os reparos de intervención e cualificou esta xestión de “pouco ética e pouco transparente”. Así mesmo, advertiu sobre a delicada situación económica do Concello, sinalando que o aforro neto pasou de 17,5 millóns de euros en 2021 a apenas 1 millón en 2023 e que os remanentes de tesourería se dilapidaron, baixando de máis de 50 millóns en 2019 a só 1 millón en 2023.

Candia reclamou medidas correctoras e esixiu que se cumpran os informes dos técnicos municipais para evitar "o descalabro económico" e a suba de impostos anunciada para a cidadanía. “O goberno podería facer un esforzo para non trasladar esta situación aos lucenses”, asegurou, subliñando que, de cumprirse a lei, os contratos permitirían a libre concorrencia e lograrían prezos máis competitivos.

Para o Partido Popular, o sucedido “é un novo capítulo” dunha lista de despropósitos económicos e proba a “falta de confianza” entre os socios de goberno, ao non querer asumir responsabilidades polas facturas asinadas con reparos. Candia concluíu pedindo maior rigor, transparencia e cumprimento das advertencias dos técnicos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.17334890365601