O PP de Lugo afirma que con Alvarellos empeorou a xestión de Urbanismo
O PP afirma que con Alvarellos retardou aínda máis a xestión de urbanismo, cuestionando a eficacia de contratar un director xeral. Ramón Cabarcos expresou o seu escepticismo respecto á contratación dun Director Xeral de Urbanismo “polo que os lucenses pagamos máis de 74.000 euros, aclarando que desconfiamos que a súa presenza vaia a solucionar o atasco de expedientes e resolver cuestións fundamentais para que Lugo sexa un lugar atractivo para investir”
Os populares sosteñen que en vez de contratar “a un axente político” existen outros mecanismos para mellorar a xestión municipal e un deles é “cubrir a xefatura de licenzas ou sacar a praza da xefatura de arquitectura que está cuberta de forma provisional”.
Deste xeito, segundo eles, as decisións que se adoptaron nos últimos tempos para resolver o atasco das licenzas empeoraron a atención cidadá “a anterior alcaldesa tiña un promedio de resolución de 4 expedientes ao mes e, agora, Paula Alvarellos, cero licenzas por xunta de goberno”.
Neste contexto, a Mesa de Traballo de Urbanismo do PP, presenta un decálogo de obxectivos para mellorar a situación crítica de urbanismo. Entre os propósitos atópase unha atención áxil e presencial, para técnicos e particulares, nos servizos de urbanismo; maior axilizade no informe e resolución das licenzas; a revisión de erros e actualizacións do planeamento maior (PXOM, PEPRI, Plans Parciais coma o PERI-6 ou Louzaneta...), as adaptacións da lexislación ás novas normativas e a actualización do inventario de camiños e bens inmobles municipais, entre outros.