O PP de Lugo anuncia alegacións ás bases de subvencións municipais por non incluíren anticipos ás asociacións

LugoXa
Os populares critican que se obrigue ás entidades a adiantar os gastos cos seus propios fondos e reclaman vontade política para rectificar
PP-de-Lugo-rolda-de-prensa
21 Aug 2025

O Grupo Municipal Popular de Lugo avanzou que presentará alegacións ás bases aprobadas pola Xunta de Goberno local o pasado 13 de agosto en relación ás subvencións destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para o fomento da dinamización económica e as relacións institucionais no ano 2025.

Segundo denunciaron, as bases establecen no artigo 13 que “non se realizarán pagos a conta nin anticipados”, o que obriga ás entidades beneficiarias a adiantar cos seus propios fondos todos os gastos dos proxectos ata que se resolva a convocatoria e se faga efectivo o pagamento da axuda.

Desde o PP advertiron que esta situación pode resultar inasumible para moitas asociacións e lembraron que xa nos anteriores debates de orzamentos reclamaran a inclusión de anticipos, sen éxito. Como exemplo de que é posible habilitar esta opción, sinalaron o caso da Deputación de Lugo, que nas súas Bases Xerais de Subvencións contempla no artigo 21 a posibilidade de solicitar anticipos en axudas superiores aos 3.000 euros.

“O problema non é legal nin técnico, senón de vontade política. Non se pode pedir ás asociacións que fagan un esforzo imposible cando existen ferramentas para facilitarlles o traballo”, apuntaron os populares, que esixen ao Concello rectificar e introducir a opción de anticipos, co fin de garantir un apoio real e eficaz ás entidades que contribúen a dinamizar a vida social, cultural e económica da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.15790319442749