O PP de Lugo asegura que o Concello debía 1.754 facturas por un valor duns 9 millóns de euros

LugoXa
O PP asegura que o informe de morosidade reflicte que o Concello de Lugo debía, a 31 de decembro, 1.
pp_lugo
4 Mar 2024

O PP asegura que o informe de morosidade reflicte que o Concello de Lugo debía, a 31 de decembro, 1.754 facturas por un valor de máis de 9 millóns de euros. Deste xeito, destacan que 1.135 destas facturas “incumpren o período máximo de pago a provedores que segundo marca a lei, está situado en 60 días”. A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, presenta outras cifras que recollen como o Goberno local “suspende en xestión económica”, tomando como fonte o informe da liquidación de 2023 e explica que no Concello “se gasta máis do que se ingresa”.

Por tanto non cumpre coa estabilidade orzamentaria, xa que o déficit de financiamento aseguran que ascende a 14,5 millóns de euros. O estudo da liquidación tamén confirma o debate do Partido Popular no pleno da aprobación dos orzamentos cando dicía que “o papel o aguanta todo, e que o que presentaban non era a imaxe fiel da situación económica do Concello”. Ademais, ratifícase “como  na previsión de ingresos que fixeron para  2023 faltan 18 millóns de euros e que, pola contra, gastaron 3,7 millóns de euros máis do que prevían”.

Outro dato significativo é que en nove anos “o bipartito de Lugo dilapidou os remanentes de tesourería o que supón unha mostra clara de que non teñen aforros e que se ven obrigados a  recorrer un crédito”. Para os populares, o importante gobernar é decidir onde se gasta o diñeiro público e “o problema da situación económica que vive o concello de Lugo é porque é que se derrochou en proxectos que non aportaron nada a cidadanía”.

Denuncian unha "falta de planificación"

Para eles a pregunta é  “que vai pasar co edificio verde, as caldas ou o carril bici”, xa que todo o que en orzamentos deste ano vai relacionado como anexo de investimentos condicionase a unha operación de crédito de 13,5 millóns de euros. Denuncian que a xestión dunha administración que “non pode manter un equilibrio de gastos e ingresos, que acabou con todos os aforros que tiña, que depende dun crédito para financiar as súas operacións e que demostra unha falta de planificación”, só se pode calificar de “irresponsable e derrochadora”.

Os populares tamén lembraron como no mes de xaneiro o Hoberno local levou facturas a pleno de prestacións e contratos realizados en 2022 e 2023 por un importe total de 914.824,14 euros das cales 432.372,02  tiñan reparo o interventor aclarando que en 2023 a cifra de facturas pagadas con reparos de legalidade que pasaron por pleno ascendían a 6.369.917,43 euros. Para a formación política, algo que debía ser excepcional no concello é “unha práctica habitual”, subliñando como neste caso “afecta a importes de contratos do San Froilán que dependen directamente da área de cultura da que é responsable o BNG”.

0.204754114151