O PP de Lugo celebra a eliminación dun vertedoiro en Albeiros

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo anunciou que conseguiu que o goberno local levase a cabo actuacións en materia de mantemento, entre elas a eliminación dun vertedoiro incontrolado no barrio de Albeiros.
Na Comisión de Suxestións e Queixas, o PP manifestou a súa preocupación tras coñecer que o goberno local renunciou a unha subvención de 9.000 euros destinada á Praza de Abastos no marco da convocatoria de Mercados de Excelencia, alegando que "as bases non estaban claras". Segundo os populares, esta decisión é “unha tomadura de pelo absoluta e unha mostra de incompetencia”.
Os datos da Comisión de Queixas de xaneiro reflicten, segundo o PP, a falta de xestión por parte do goberno local. Case o 60% das reclamacións quedaron sen resposta: dos 56 escritos presentados, 33 foron ignorados, evidenciando o desinterese do executivo municipal por atender as necesidades da veciñanza.
O transporte urbano continúa sendo un dos principais motivos de preocupación cidadá, con numerosas queixas relacionadas cos problemas nas liñas, as frecuencias e as deficiencias na lectura das tarxetas de usuario. Segundo os populares, esta situación pon de manifesto a urxencia de mellorar o servizo de autobuses urbanos.
Ademais, alertaron de que existen máis de 120 reclamacións acumuladas sen resposta dentro do prazo establecido, o que consideran “un reflexo claro dun goberno local que nin escoita nin resolve os problemas da cidadanía”.