O PP de Lugo celebra que o Goberno permita circular a 120 km/h na A-54 en Guntín

LugoXa
Os senadores lucenses destacan que foi a presión popular e do partido a que obrigou a rectificación do Ministerio de Transportes
a-54-autovia-lugo-santiago-ourense
2 Dec 2025

Os senadores do PP de Lugo celebraron que o Goberno do Estado rectifique a súa postura e elimine as limitacións de 100 km/h que se mantiñan en 11 quilómetros da A-54, ao seu paso por Guntín, permitindo de novo circular a 120 km/h.

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano lembraron que foi “a presión constante do PP e as insistentes reclamacións dos lucenses” o que obrigou ao Ministerio de Transportes a corrixir unha decisión que o propio Goberno defendía como inamovible. “En outubro o Goberno de Pedro Sánchez aseguraba, por escrito, que non tiña intención ningunha de modificar a limitación, apelando á normativa interna do Ministerio, pero hoxe vemos como podían e debían facelo”, explicaron.

Os senadores populares subliñaron que manter unha autovía limitada a 100 km/h era “anómalo e non tiña ningún sentido, xa que só xeraba malestar entre os condutores”. Ao mesmo tempo, lembraron que non cesarán na súa presión e seguirán reclamando o remate da autovía, que debe conectar Lugo con Santiago. “Aínda queda moito por facer”, aseguraron, engadindo que “a autovía segue sen rematarse a pesar de múltiples promesas incumpridas, polo que non imos deixar de esixir que a A-54 se complete e cumpra plenamente a súa función de conexión rápida entre Lugo e Santiago”.

⚙ Configurar cookies
0.073163032531738