O PP de Lugo celebra unha mesa coloquio para lembrar o proceso que levou á Muralla a ser Patrimonio da Humanidade

LugoXa
O encontro repasará o traballo técnico e institucional impulsado por Joaquín García Díez entre 1995 e 2000 e contará coa participación do arquitecto Ignacio López de Rego
actos-PP-Muralla-Lugo-Patrimonio-da-Humanidade
12 Nov 2025

O Partido Popular de Lugo organiza unha mesa coloquio para poñer en valor o traballo realizado polo goberno municipal do PP que, hai vinte e cinco anos, fixo posible que a Muralla Romana fose declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O acto servirá para repasar a orixe do proxecto, o labor técnico e institucional desenvolvido polo equipo liderado por Joaquín García Díez entre 1995 e 2000, así como os apoios e as dificultades que houbo que superar ata lograr o recoñecemento internacional no mes de novembro de 2000.

Joaquín García Díez, alcalde de Lugo durante aquel período e principal impulsor do expediente que culminou coa histórica declaración, destacou que “a distinción como Patrimonio Mundial foi froito dun traballo rigoroso, planificado e sostido no tempo”. Engadiu que “aquela declaración non foi un agasallo, senón o resultado dun proxecto ben feito, que situou a Lugo no mapa internacional”.

O exrexedor lembrou tamén que un dos factores determinantes para acadar este recoñecemento foron as obras de peonalización do casco histórico promovidas polo goberno popular, un proceso de transformación urbana que contribuíu decisivamente á valorización do recinto amurallado e influíu positivamente na decisión final da UNESCO.

Na mesa coloquio participará tamén o arquitecto Ignacio López de Rego, director do equipo técnico que elaborou o documento que serviu de base para o expediente de declaración da Muralla como Patrimonio Mundial. Durante o encontro analizaranse os aspectos arquitectónicos, culturais e urbanísticos que sustentaron aquel proxecto pioneiro.

García Díez subliñou que “naquela etapa había ilusión, proxecto e unha clara vontade de facer cidade arredor da Muralla”. E engadiu: “Esa mesma ilusión temos que mantela viva hoxe, con políticas de futuro e non con simples recordos cada vez que chega un aniversario”.

⚙ Configurar cookies
0.14978384971619