O PP de Lugo centra o novo boletín “Contigo Lugo” na seguridade e a convivencia cidadá

LugoXa
A publicación recolle logros recentes, iniciativas veciñais e críticas ás políticas do PSOE e do BNG
revista-PP-Lugo-Contigo
27 Oct 2025

O PP de Lugo presentou o contido do número 8 do seu boletín “Contigo Lugo”, no que pon o foco nun tema que preocupa e une a moitos lucenses: a seguridade e a convivencia cidadá. Xunto a colectivos veciñais da Milagrosa recolléronse 1.500 sinaturas nun só día para reclamar medidas que melloren a convivencia na zona, así como o peche definitivo e a revogación das licenzas de locais con infraccións acreditadas.

A contraportada do boletín amosa, de forma gráfica, o chamado “apagón de Lugo”, con Pedro Sánchez, Miguel Fernández e Rubén Arroxo tirando do enchufe da Muralla, símbolo dun goberno que, segundo o PP, aísla a cidade da alta velocidade, das infraestruturas e das oportunidades que precisa.

Nas dúas páxinas dedicadas ao que se conseguiu no último trimestre repásanse logros como o inicio das obras do Centro de Saúde da Milagrosa, a apertura á veciñanza do aparcadoiro do IES Ollos Grandes ou a reforma das bancadas do estadio Anxo Carro. Tamén se destacan melloras de seguridade viaria na contorna de Castelo, unha nova actuación do Plan Paradai coa renovación da rúa Serra de Meira e a legalización e ampliación da protectora. No ámbito da vivenda, recóllese o inicio das obras en Garabolos, desbroces de camiños en colaboración coas comunidades de montes, a mellora da cúpula e cubertas do Pazo de Feiras ou a demolición do muro de Apnais xunto ao futuro centro para enfermos de saúde mental.

No espazo “Desmontando ao PSOE” abórdase a inseguridade e incerteza sobre o cambio de contadores de auga, a falta de espazo de baño público durante o verán, a ausencia de noticias sobre o novo pavillón deportivo prometido en 2021, a situación de proxectos financiados con fondos europeos como as Caldas que permanecen pechadas, as solucións provisionales de mobilidade tras a peonalización, a creación dunha brigada de obras paralela á existente e a lentitude administrativa que pode facer perder subvencións ás asociacións.

En “Desmontando ao BNG”, o PP critica a incoherencia do BNG ao privatizar servizos públicos como o do vello cárcere, a suspensión da Escola Municipal de Música por segundo curso consecutivo, os problemas de falta de persoal na Escola Gregorio Sanz, a ausencia dunha ordenanza para regular o uso do Auditorio Fuxan os Ventos e a falta de políticas de mobilidade. Tamén se sinala a retirada de fondos de educación para o San Froilán a pesar de dispoñer de preto de 1,5 millóns de euros para a súa organización.

No espazo “Estivemos contigo” recóllense actividades realizadas nos últimos catro meses con persoas de todas as idades, como a nova edición do espazo infantil de Augas Férreas, reunións coa mocidade, a celebración do primeiro aniversario do Centro para maiores do Barrio da Residencia e reunións cos promotores dun novo proxecto no barrio de Recatelo que permitirá 115 novas prazas. Tamén se destaca o traballo con colectivos que fomentan un Lugo máis integrador, a presenza en eventos culturais e turísticos e as reunións nas 54 parroquias e nos diferentes barrios da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.072551965713501