O PP de Lugo cre que o anuncio de aumentar as zonas de carga e descarga no centro "chega tarde"
Os populares cren que "chega tarde" o anuncio do Goberno local con respecto ao aumento de zonas de carga e descarga no centro como solución ao malestar "provocado pola súa propia falta de planificación na implantación das Zonas de Baixa Emisións", din.
"Estamos diante dunha decisión que chega tarde, que é incompleta e que evidencia unha xestión marcada pola reacción e non pola previsión", critican os populares, que acusan ao bipartido de que “nin escoita aos veciños, nin pensa nos intereses da cidade e que ignoran cuestións importantes para o sector que segue a ter o problema da rixidez de horarios e as limitacións de tamaño dos vehículos", explican.
Así, dende o Partido Popular lembran que presentaron as súas propostas para mellorar a mobilidade no casco histórico o pasado 16 de outubro, e que o Goberno local, "tamén incapaz de escoitar á oposición, non tivo a ben sentarse con nós para poder, alomenos, debatilas", din.
"Consideramos que esta falta de planificación só pode provocar máis problemas e atrasos a mobilidade do futuro do noso casco histórico”, denuncian, e desde o PP pregúntanse "que decisión vai adoptar o concelleiro de mobilidade, Rubén Arroxo, diante desta situación", lembrando que o 21 de maio de 2024 asinou un decreto limitando o acceso de vehículos ás ZBE cun peso maior de 3.500 kg "sen dar alternativas aos colectivos afectados".