O PP de Lugo critica a xestión das terrazas por parte do Goberno local

LugoXa
Afirman que a aplicación do bando municipal, "que non ten en conta as singularidades das rúas peonís", está a provocar incerteza entre os hostaleiros da nosa cidade
terrazas_lugo
Terraza de Lugo
21 Jul 2024

Os populares denuncian que “estanse a tomar decisións sen ningún criterio afectando a terrazas no centro de Lugo que poderíanse manter ou resituar en zonas peonís, garantindo así o mantemento de emprego e a supervivencia de locais de hostalería. A xestión dos espazos debe facerse con equilibrio e acerto, de maneira que se poida convivir e xerar dinamismo económico".

Afirman que a falta de claridade provoca interpretacións distintasdo bando, correndo o risco de xerar desigualdades. “Algúns hostaleiros trasladáronnos que a mesma situación provoca ordes contraditorias ata o punto de dar unha instrución á mañá e pola tarde a contraria” sinalan dende o grupo municipal.

"Una cidade como Lugo que ten 3 patrimonios da Humanidade e que o seu casco histórico aspira a ser tamén Patrimonio da Humanidade merece poder ofrecer tanto aos veciños como ás persoas que visitan a cidade un servizo hostaleiro á altura que permita desfrutar tamén dos espazos peonís", din.

O concelleiro Antonio Ameijide reclama á alcaldesa “un bando aclaratorio para dar certezas e certidume á hostalería lucense” matizando que “non podemos xogar coa subxectividade de quen informa nas terrazas cun bando que é totalmente inconcreto”.

Engaden que "a falta de regulación por parte do goberno prexudica a un sector que xa sufriu en primeira persoa perdas económicas na época da pandemia e que agora ven como boa parte do investimento que fixeron no mobiliario, toldos ou cortaventos para as terrazas pode perderse".

Dende o PP advirten que esta situación dana a imaxe da cidade “a retirada de terrazas do casco histórico en plena campaña de verán que é cando a xente desfruta das rúas e dos espazos ao aire libre restan vida ao centro”.

"Son moitos os compromisos incumpridos polo goberno de maneira reiterada e manténdose de maneira inaceptable durante moito tempo", conclúen. Os populares recordan “as cantidades que lles prometeron devolver e que non o fixeron ou a prometida ordenanza da que levan dicindo que hai un borrador pero que non avanza son algúns exemplos”.

LUGO MONUMENTAL

Pola súa banda, Lugo Monumental é da mesma opinión sobre este tema e levou ao Concello varias cuestións. Así, quere saber cantos expedientes están pendentes de resolución, que normativas se aplican e que técnicos se ocupan de informar os expedientes.

Afirman que hai erros, presas e falta de concreción e criterio.

0.13694310188293