O PP de Lugo critica a xestión do bipartito pola prórroga orzamentaria e esixe transparencia
O Partido Popular de Lugo denuncia a falta de transparencia e a deslealdade institucional do bipartito tras a promulgación dun decreto por parte da alcaldesa para prorrogar o orzamento xeral municipal de 2024. Esta medida, segundo os populares, evidencia o esgotamento político e a carencia de proxecto do actual goberno local, que comeza o ano 2025 sen presentar as contas para o exercicio.
Dende o grupo municipal popular lamentan que o bipartito sexa eficiente á hora de aumentar impostos, como quedou demostrado coa suba aprobada en decembro, pero incapaz de xestionar de maneira eficaz os orzamentos para o novo ano. “Queren cobrar máis aos lucenses, pero non explican para que precisan eses case cinco millóns de euros extras que queren sacar dos petos dos veciños”, sinalan.
O PP lembra as palabras do presidente da Deputación, José Tomé, quen subliñou a importancia de aprobar os orzamentos de forma anticipada para que sexan útiles dende o primeiro día do ano. Mentres outras administracións, incluso con gobernos bipartitos como a Deputación, cumpren con este compromiso, o concello de Lugo segue atrancado na parálise orzamentaria.
Os populares cuestionan as razóns desta prórroga:
- ¿Existen discrepancias internas no bipartito sobre o reparto das partidas?
- ¿O endebedamento do concello inflúe na incapacidade para presentar un novo orzamento?
- ¿As controvertidas aprobacións de facturas nos últimos días de 2024, a pesar dos reparos do interventor, están a pasar factura?
Ademais, critican o baixo nivel de execución do orzamento de 2024, onde dun crédito de 13,5 millóns de euros solicitado para investimentos, apenas se comprometeron pouco máis de dous millóns. Este precedente, sinalan, non augura melloras no 2025 se o goberno local non é quen nin de presentar unhas contas a tempo.
O PP conclúe que Lugo precisa un goberno que actúe con maior transparencia e que priorice o benestar da cidadanía en lugar de seguir ancorado no escurantismo e na propaganda.