O PP de Lugo critica ao Concello por non decidir o modelo de xestión do auditorio de Magoi

LugoXa
Os populares aseguran que o único que fixo Paula Alvarellos foi manter reunións internas con técnicos de diferentes servizos municipais
auditorio_magoi2
Auditorio de Magoi
24 May 2024

Silvia Colmenero afirma que é unha tomadura de pelo que o Goberno local aínda non teña decidido o modelo de xestión do auditorio de Magoi “ou ben hai unha falta de traballo ou ben menten, dicimos esto porque a alcaldesa, no balance dos 100 días, expresou a vontade de abrilo en breve indicando que xa se deran os pasos para definir o seu modelo de xestión”.

Os populares lembran como pasou un mes dende estas declaracións e aseguran que o único que fixo Paula Alvarellos foi manter reunións internas con técnicos de diferentes servizos municipais. “O grave é que imos para 4 anos dende que o goberno local recibiu as chaves do Auditorio e tanto PSOE como BNG á pregunta de se se abrirá antes do mes de xullo deste anos contestan que está en precario”.

O resto das cuestións que preguntou o Grupo Municipal na Comisión de Contas correron a mesma sorte. Con respecto ás peticións de licenzas para rehabilitar na Tinería os números 18 e 22, informan que “curiosamente” tres días despois de rexistrar a pregunta envían un requirimento ao IGUS, propietario dos inmobles. A popular reflexionaba que é outra proba de que “este Goberno local só traballa a golpe das preguntas e rogos que presentamos”.

Xa con respecto as bases das axudas para rehabilitación no casco histórico volven a derivar a responsabilidade aos persoal municipal co risco de perder a convocatoria. Os populares lamentaron “o novo modelo de contestación do Goberno local” que diante da pregunta sobre o uso do Impulso Verde remiten á información que se publica nos medios. “É unha falta de respecto á oposición” concluía Colmenero.

0.18473720550537