O PP de Lugo critica o fracaso do Concello na segunda convocatoria do PERTE da auga

LugoXa
Afirman que o Concello de Lugo obtivo a peor nota de todas as solicitudes realizadas polas 11 entidades municipais na provincia
concello-de-lugo
21 Ago 2024

Antonio Ameijide e Elena Candia, voceiros do Grupo Provincial e do Grupo Municipal do Partido Popular respectivamente, valoraron os resultados das solicitudes do segundo PERTE da auga na capital e na provincia. Para eles tanto o Concello como a Deputación de Lugo fracasaron de novo na segunda convocatoria. Afirman que o Concello de Lugo obtivo a peor nota (32 puntos) de todas as solicitudes realizadas polas 11 entidades municipais na provincia.

“Presentaron o mesmo proxecto que hai un ano e pensaban que ían a conseguir un resultado mellor?”. Elena Candia afirma que o ciclo da auga “non é unha prioridade” para o Goberno local xa que o Concello de Lugo ten a brigada municipal totalmente desmantelada e cunha rede carente de investimento dende hai anos con fugas incontroladas: “por responsabilidade teñen que dar explicacións a todos os lucenses” Para eles este resultado débese a que “non contaron nin cos técnicos municipais especialistas na materia nin coa empresa que xestiona o ciclo da auga para realizar o proxecto, optaron por contratar a unha empresa de fóra, cobrando 20.570 euros en dous contratos menores, para presentar unha documentación que nin superou o corte”.

Os outros 10 municipios da provincia que se presentaron a esta segunda convocatoria —Burela, Vilalba, Abadín, Pastoriza, Pol, Xove, Antas de Ulla, Monforte, Ribas de Sil e Trabada— viron como os seus proxectos se aprobaron pero están en lista de agarda por falta de fondos. Denuncian, por outra banda, que a Deputación de Lugo, ao igual que na primeira convocatoria do PERTE, se negara a liderar proxectos para os concellos da provincia como tampouco deu apoio a ningún dos 11 municipios lucenses que optaron a estas axudas.

“Como era de agardar, o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo nin están nin se lles espera”. Ameijide insiste na necesidade de crear un Plan Provincial de apoio aos concellos para a xestión do ciclo da auga xa que o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar todos os municipios, sendo competencia da Deputación cooperar cos concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal.

O voceiro provincial popular recorda como as dúas Deputacións de Galicia gobernadas polo PP lideraron proxectos para municipios das súas provincias. No caso de Ourense obtiveron fondos para 79 concellos na primeira convocatoria, mentres que Pontevedra liderou un proxecto de máis de 8 millóns de euros, aprobado no actual PERTE, pero que se atopa en lista de agarda por falta de fondos europeos. Antonio Ameijide destaca que 24 Deputacións de España lideraron proxectos de captación de fondos neste segundo PERTE mentres PSOE e BNG na Deputación de Lugo non fixeron nin unha solicitude e votaron contra todas as iniciativas do PP para buscar solucións ao ciclo da auga.

Neste senso, hai 5 proxectos de Deputacións con fondos asignados — Burgos, Alicante, Álava, Valladolid e Málaga— por valor de 38.436.334 euros e outros 15 proxectos aprobados, por importe de 101.121.870 euros, e á espera dunha posible ampliación de fondos ou renuncias. Tanto Elena Candia como Antonio Ameijide recordan a petición realizada en outubro do ano pasado para que Concello e Deputación de Lugo tiveran máis coordinación e traballo para non perder máis fondos europeos para a provincia.

O Concello pode presentar alegacións

Pola súa parte, o Concello de Lugo asegura que está a xestionar 44 millóns de euros de fondos europeos. A convocatoria do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) á que optaba o Plan Aquavanza foi unha das máis concorridas, coa presentación de 50 proxectos de máis dun cento de entidades, de 1.155 municipios distintos, nesta segunda convocatoria do PERTE para a mellora da dixitalización do ciclo urbano da auga.

Pese a todo isto, desde o Concello de Lugo solicitouse ao Ministerio a valoración detallada do proxecto de cara a presentar as alegacións oportunas, ao tempo que se segue a traballar en novas liñas estratéxicas coas que concorrer a outras convocatorias de fondos europeos, coas que facer fronte á proxectos que, como este da renovación da rede de auga, son moi ambiciosos pero tamén moi custosos.

En calquera caso, a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos insistiu en que esta resolución non pode xeneralizar a xestión dos fondos europeos que se está a facer desde o Concello de Lugo, nos que se leva a cabo importantes proxectos, e que supuxo a execución e xustificación dos mesmos, sen que en ningún momento houbera que devolver fondos por incumprimento.

Segundo o Goberno local a capacidade de xestión dos fondos europeos deste Executivo queda demostrada pola multitude de proxectos desenvolvidos ao carón destas axudas, primeiro cos fondos Dusi e agora cos Next Generatión. Neste sentido, lembrou á execución ao cento por cento dos fondos DUSI, cos que se acometeron actuacións como a transformación urbana do barrio do Carme, o que afecta a súa dinamización económica e social, a musealización da Cloaca da Porta Miñá, a mellora do Camiño Primitivo e a Vía XIX ou a edificación do primeiro coliving artístico municipal de toda España. Tamén con cargo a esta convocatoria de fondos europeos se fixeron realidade proxectos como a rexeneración urbana da rúa do Esquecemento, as Caldas do Miño ou a pasarela 'Tanxurela' próxima ao Anxo Carro.

0.20315003395081