O PP de Lugo critica que o novo curso arrinca sen avances no pavillón polideportivo prometido

O concelleiro popular de Lugo, Damián Carballo, criticou a falta de avances no proxecto do novo pavillón polideportivo de Lugo, prometido polo goberno local en 2021. “O que vía como un cidadán máis, hoxe tócame analizalo como concelleiro encargado da área de Deportes e quero facelo sobre unha das múltiples promesas incumpridas do goberno local da que nada se sabe a día de hoxe”, declarou.
Carballo subliñou que nin o alcalde nin as institucións con competencias en Deportes están á altura na xestión de infraestruturas deportivas. “Os equipos seguen sufrindo complicacións á hora de planificar adestramentos e competicións, tanto as disciplinas federadas como a base, por mor da saturación das instalacións actuais”, explicou. Segundo indicou, esta será xa a cuarta tempada perdida: un proxecto que chegou a aumentar de orzamento de 2,9 a 5 millóns de euros e cuxas bases de licitación tiveron que ser retiradas tras denuncias dos colexios profesionais.
O edil popular denunciou que se trata dunha promesa incumprida máis do goberno local, que relegou a mellora das instalacións deportivas a un segundo plano. “O proxecto do novo pavillón polideportivo é outro exemplo máis dunha xestión ineficaz e dunha política de anuncios sen resultados. A cidadanía de Lugo merece mellores infraestruturas deportivas e un goberno que cumpra coas súas promesas”, afirmou.
Carballo destacou tamén a importancia de establecer convenios coa FEGAMP para que os clubes poidan usar instalacións doutras administracións fóra do horario lectivo, garantindo ademais a seguridade xurídica necesaria.