O PP de Lugo critica uns orzamentos municipais para 2026 “fóra de prazo e sen estabilidade financeira”

LugoXa
Os populares advirten dun déficit de máis de 10 millóns, aumento da débeda e un uso excesivo do crédito para financiar investimentos
Valoración-Orzamentos-2026-PP-Lugo
30 Jan 2026

O PP de Lugo valorou negativamente os orzamentos do Concello para o ano 2026, ao considerar que chegan fóra de prazo e incumpren tanto o obxectivo de estabilidade orzamentaria como a regra de gasto. Segundo o informe da Intervención municipal, o proxecto presenta un resultado negativo de máis de 10 millóns de euros e non garante o equilibrio financeiro esixido pola normativa vixente.

Os populares alertan de que o Concello gasta por riba das súas posibilidades, cunha planificación económica que cualifican de pouco responsable. A débeda viva ascenderá a máis de 40 millóns de euros tras a previsión dunha nova operación de crédito por case 18 millóns, situando o nivel de endebedamento arredor do 36 %.

Outro dos puntos que preocupan ao PP é a desaparición do aforro neto orzamentario, que en 2026 pasa a ser negativo en máis de 3,6 millóns de euros, despois de ser xa moi reducido en 2025. Ademais, critican que os investimentos previstos dependan case totalmente de préstamos, lembrando que nos últimos tres anos máis do 74 % dos investimentos anunciados non chegaron a executarse.

No ámbito das subvencións, denuncian un incremento das axudas nominativas, malia as advertencias técnicas, e unha repartición desigual que beneficia a determinadas entidades fronte a outras de carácter social. Tamén sinalan a falta de previsión de persoal para cubrir necesidades básicas e o aumento do gasto en bens e servizos.

Por último, o PP advirte da incerteza que rodea a continuidade do contrato do autobús urbano e critica que o Concello esgotase os remanentes de tesourería, deixando á administración local sen marxe para facer fronte a imprevistos sen recorrer a máis endebedamento.

⚙ Configurar cookies
0.079335927963257