O PP de Lugo denuncia "a falta de iniciativa e de traballo" do Goberno local
O PP de Lugo asegura que na reunión mantida entre o presidente da Xunta de Galicia e a alcaldesa de Lugo “púxose de manifesto a falta de iniciativa e de traballo do Goberno local”, ao trasladar os proxectos demandados polo grupo municipal do PP nos sucesivos plenos. Para a voceira popular Elena Candia “o presidente Rueda veu a Lugo cos deberes feitos e con demandas para o goberno mentres a alcaldesa veu dar mostra da súa falta de traballo o que conleva unha lentitude difícil de explicar en proxectos de gran importancia para a cidade”.
Sinalan que o Goberno autonómico leva esperando por unha parcela para o centro de saúde do Sagrado Corazón dende o ano 2021. “Despois de facer o colexio, leva catro anos esperando polos terreos e, o máis grave é que aínda non está feita a permuta con Abanca, é dicir, o Concello está a dispoñer dunhas instalacións das que non é titular e amosando unha total deixadez, despreocupación e mala xestión neste proxecto”. Para eles a falta de vivenda pública en Lugo débese fundamentalmente á mala xestión do goberno municipal. Recordan que hai meses que os grupos municipais acordaron distribuír a vivenda pública por distintos barrios da cidade para evitar “guetos”, pero que máis de 15 meses despois a Xunta segue a espera dos terreos para iniciar a construción.
Con respecto ao aparcadoiro para transportistas nas Gándaras, loan a capacidade de rectificar do Concello. “Que plantee a necesidade do aparcadoiro para transportistas nos polígonos industriais (presentado a pleno polo PP), pon de manifesto que se trata dun bo proxecto para a cidade e que a pesar, de que no seu día criticamos a postura do goberno, hoxe aplaudimos o seu cambio de criterio”.
Aseguran que a rexedora presentou a necesidade de instalacións deportivas mentres, o concelleiro de deportes manifesta que o pavillón que licitaron, “e para o que redactaron un proxecto non é unha prioridade para a cidade. Unha clara manifestación da falta de rumbo da política municipal en materia deportiva”. Por outra banda, aseguran que petición que realiza amosa un total descoñecemento da realidade municipal xa que “o polideportivo dos institutos xa se está a empregar en horario non lectivo, despois dun acordo acadado gracias á implicación dos clubs e dos centros.