Nova discusión entre Goberno local e oposición polas Caldas do Miño
O Grupo Municipal Popular de Lugo vén de denunciar a "grave falta de xestión" do Goberno local respecto ás Caldas do Miño, unha infraestrutura que, segundo a documentación oficial que conseguiron grazas a unha solicitude da súa voceira no Parlamento Galego, non estaba rexistrada ante a autoridade sanitaria competente no momento en que se detectou o brote de lexionela no pasado mes de setembro.
A información á que tiveron acceso tamén revela que o plan de prevención tras o brote de lexionela era incompleto. A pesar dos resultados alarmantes das análises de auga realizadas, que superaron amplamente os límites de seguridade, "o goberno local non tomou medidas correctoras nin estableceu un cronograma para a reapertura das instalacións".
O PP esixe transparencia e responsabilidade ao goberno local, cualificando de "inadmisible" que un executivo que preside de bo goberno sexa incapaz de cumprir coa normativa básica nun proxecto que eles mesmos impulsaron. Os edís do PP demandan unha explicación inmediata por parte do goberno local e preguntan aos responsables: "Por que as instalacións non estaban dadas de alta? Que medidas se tomaron tras o brote? Cal é o futuro desta instalación?".
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Pola súa parte, o Concello de Lugo desminte ao PP e sostén que as Caldas do Miño" cumprían con todos os requisitos legais desde a súa posta en marcha", e as supostas "irregularidades" que denuncia o PP carecen de fundamento.
O Concello aclara que as Caldas do Miño foron inscritas no Rexistro de Piscinas da Xunta de Galicia o 12 de xaneiro de 2023, dous meses antes de que entrasen en funcionamento, conforme á normativa vixente.
O PP sostén que as Caldas do Miño estiveron operando durante 19 meses sen estar dada de alta a instalación de auga quente sanitaria, pero o Goberno local responde que notificou a súa alta cando foi requirido pola Xunta en outubro de 2024. Ademais, recalca que este trámite administrativo non comprometeu a seguridade dos usuarios, xa que, de ser así, as autoridades sanitarias terían impedido o seu funcionamento durante ese tempo. Ademais, ningunha das numerosas inspeccións realizadas indicou deficiencias neste aspecto.
Outra das afirmacións do PP é que o Plan de Prevención e Control da Legionella (PPCL) das Caldas do Miño é incompleto. O Concello desminte esta acusación, asegurando que o documento existe e está dispoñible na instalación, conforme ao Real Decreto 487/2022.
Na inspección realizada o 24 de setembro de 2024 non se requiriu a súa presentación, polo que non é certo que o Concello o ocultase ou incumprise a lexislación.
O Goberno local explica que as supostas deficiencias mencionadas polo PP referían un esquema da instalación de auga que foi adxuntado cando se solicitou, segundo constatou o equipo técnico municipal.
O Concello subliña que o cronograma de actuación estivo definido desde o inicio, pero non puido contar con datas pechadas, xa que cada fase dependía das validacións da autoridade sanitaria competente. A súa prioridade sempre foi garantir a seguridade dos usuarios cumprindo coas normativas vixentes.