O PP de Lugo denuncia a inseguridade que senten os veciños na cidade
A inseguridade segue a apropiarse das rúas de Lugo, sobre todo cando cae a noite, circunstancia que hai dous días subiu de nivel ao producirse disparos por arma de fogo nunha coñecida zona de ocio nocturno da cidade.
Hai poucas semanas xa houbo que lamentar unha grave trifulca na zona centro da cidade, que derivou en agresións con arma branca e varios hospitalizados. Tras este suceso, tanto Lara Méndez como a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, prometeron aumentar a seguridade na cidade, pero dende o Partido Popular “vemos como de novo todo o que ven do PSOE queda en fume, xa que a inseguridade segue a medrar en Lugo e os casos problemáticos van a máis e a peor”.
Para os concelleiros populares a deriva que está a tomar Lugo nos últimos meses xa superou o límite. Hai tempo que o advertirmos: “Lugo corre o risco de ser esa cidade tranquila e amable de sempre, a ser un lugar no que os cidadáns camiñen con medo polas rúas”.
“A realidade é que nos últimos tempos a inseguridade apropiouse das rúas de Lugo, tendo nas últimas semanas feridos por arma branca e unha liorta na que houbo, segundo os medios de comunicación, polo menos 10 disparos cun arma de fogo” afirma o PP.
Unha situación moi preocupante, polo que dende o Grupo Municipal Popular insisten en que “tanto o goberno local como o goberno central teñen que poñerse a traballar para reverter esta situación”.
Para os populares hai posibles solucións que poderían pasar pola instalación de cámaras de videovixilancia, maior presenza policial nas zonas conflictivas ou onde se detecten incidencias deste tipo ou a dotación para Lugo dunha unidade da UPR, que axudaría á prevención da delincuencia, así como o mantemento e, no seu caso, restablecemento da orde e a seguridade cidadá.
Dende o Grupo Municipal Popular non queren causar alarmismo, pero a sensación entre os cidadáns é de total inseguridade. “Polo ben da cidade, dos veciños e do tecido económico o goberno local ten que tomar cartas no asunto para evitar que esta situación empeore aínda máis”, apuntan
Entre as queixas veciñais sobresae que non se trata unicamente dun problema da noite, xa que moitos veciños aluden roubos, moitos a xente nova, ameazas, extorsións... “unha situación preocupante para unha cidade tranquila como Lugo”.
Por iso, dende o PP instan ao goberno local a realizar actuacións urxentes, sobre todo se queremos que o casco histórico sexa Patrimonio da Humanidade. “Se de verdade pretendemos que o centro da cidade sexa recoñecido como Patrimonio Mundial Lugo non pode ser un lugar no que os veciños teñan medo”.