O PP de Lugo denuncia a "mala xestión do goberno en materia urbanística e ambiental"

O vicevoceiro do Grupo Popular en Lugo, Ramón Cabarcos, denunciou que os episodios de chuvia intensa, como o vivido o pasado 11 de abril, "volveron poñer en evidencia a mala xestión do goberno bipartito en materia urbanística e ambiental".
Cabarcos sinalou varios puntos concretos da cidade nos que o executivo local realizou intervencións que, "lonxe de mellorar a situación, agravárona, como en Lamas de Prado, Fingoi de Abaixo, Calzada da Ponte, a rotonda do Impulso Verde ou Serra de Meira".
Así, sostivo que "fixeron obras sen ter en conta aspectos básicos como a pendente dos terreos, a evacuación de augas ou a integración co sistema de drenaxe existente".
E engadiu que "Lugo precisa responsabilidade, planificación e accións reais, non anuncios para tapar a súa inacción", criticando tamén a "falta de humildade e diálogo do bipartito, xa que no pleno de 2023 presentamos un plano detallado cos puntos negros da cidade, elaborado polo noso grupo a partir de visitas ao terreo e achegas veciñais; pero PSOE e BNG votaron en contra".
Para concluír, advertiu: “Non é que non fixeran nada. É que o que fixeron, fixérono mal. Lugo non pode seguir pagando os erros dun goberno sen previsión, sen control e sen resultados. O PP seguirá traballando con propostas serias, escoitando aos técnicos e á veciñanza, porque temos claro que gobernar non é pintar nin parchear, é planificar e resolver".
RESPOSTA DO BNG
Rubén Arroxo respondeu ás declaracións do Partido Popular nas que se responsabiliza ao Concello de Lugo de aumentar a incidencia das inundacións en dous puntos concretos da cidade: a rotonda da rúa Serra de Meira e o encontro da rúa Fingoi de Abaixo con Afonso X.
Así, Arroxo lembrou que a rotonda da rúa Serra de Meira foi executada pola Xunta de Galicia, non polo Concello. "Se hai inundacións nesa zona é porque a obra foi mal feita por parte da Xunta de Galicia, cunha mala previsión de puntos de drenaxe nesta zona", afirmou Arroxo.
Por outra banda, no que respecta a Fingoi de Abaixo, Arroxo lembrou que, coa actuación realizada pola Tenencia de Alcaldía o que fixo foi "incrementar o número de sumidoiros para mellorar a recollida de augas pluviais".
Rubén Arroxo afirmou que "se o Partido Popular tivese consultado o proxecto antes de facer estas declaracións, sabería que o que fixemos foi aumentar a capacidade de drenaxe e non diminuíla".