O PP de Lugo denuncia a "opacidade" do Goberno local

LugoXa
O Partido Popular segue a poñer o punto de mira nos contratos menores asinados por socialistas e nacionalistas á fronte do Concello de Lugo.
5 Ago 2021

O Partido Popular segue a poñer o punto de mira nos contratos menores asinados por socialistas e nacionalistas á fronte do Concello de Lugo, "uns contratos que só no primeiro trimestre do ano supuxeron un custe para as arcas municipais de 1.074.329,36 euros repartidos en 311 contratos".

Unha situación ante a que Antonio Ameijide lamenta o "ocultismo do goberno local, xa que en pleno mes de agosto so temos acceso aos contratos do primeiro trimestre deste ano, cando a situación tiña que ser diferente, xa que estes datos tiñan que actualizarse mensualmente". Así mesmo, engade que “como seguen sen publicar os datos pediremos de inmediato que os actualicen semanalmente e que se realice incluíndo os datos do número de empresas convidadas a cada licitación”, apunta.

Pese a isto, os datos do primeiro trimestre de 2021 deixan situacións "moi preocupantes, como que Lara Méndez, Rubén Arroxo e os seus concelleiros gastaron unha media de 17.905 euros ao día, ou o que é o mesmo, 3.465,58 euros de media por cada contrato menor que asignaron a dedo sen dar publicidade nin convidar a outras empresas de Lugo a que presentaran oferta".

Un sistema que para o goberno local “está a ser moi productivo para devolver favores, xa que, por exemplo, a área de Cultura, dirixida polo BNG, asignou no primeiro trimestre 76 contratos a dedo, por valor de 208.724 euros".

Nesta relación de contratos do primeiro trimestre hai situacións que bordean a legalidade, como fraccionamentos claros de contratos. "Un exemplo é que dende a concellería de Cultura se asinan no mesmo día do mes de febreiro 7 contratos cunha mesma persoa, todos co mesmo importe, para traballos a realizar no mes de abril (6.050 euros). Destaca que neste caso, os traballos contratados consistían na presentación de pezas teatrais, cando a actividade profesional rexistrada desta persoa é a docencia" sinala o popular.

Doutra banda, para o popular a listaxe á que se tivo acceso segue a ocultar datos, xa que non se facilita, entre outros datos, o número de empresas ás que se lle pediu oferta, un dato fundamental para coñecer se deron participación ou non a autónomos de Lugo. "Todo apunta a que o bipartito segue a empregar a fórmula dos contratos a dedo saltándose o principio de igualdade que se supón debería aplicar”, denuncia.

Neste senso, Ameijide recorda que o goberno local segue sen habilitar o rexistro de licitadores que se pediu dende o Grupo Municipal Popular, un sistema para que as empresas e autónomos de Lugo, de xeito voluntario e gratuíto, poidan rexistrase na súa actividade e presentar ofertas para aquelas licitacións que lles interesen, en lugar do actual sistema de que "so participan aquelas empresas ás que Lara Méndez, Rubén Arroxo ou os seus concelleiros lles permitan participar. Falamos dun sistema caciquil e opaco que é imprescindible desterrar do Concello de Lugo”, conclúe.

0.38931202888489