O PP de Lugo denuncia en Pedreda as "promesas incumpridas" do alcalde Miguel Fernández

“O rural lucense merece feitos, non máis promesas incumpridas”. Con esta mensaxe, o Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo reuniuse esta semana cos veciños de Pedreda, quen volveron denunciar a falta de palabra do actual alcalde, Miguel Fernández.
"A ponte que unía Pedreda con Rubiás caeu hai máis dunha década e dende entón o goberno municipal leva 14 anos repetindo que a vai reconstruír", dixo.
En novembro de 2023, o propio alcalde asegurou en pleno ter a vontade, o financiamento e os recursos necesarios para acometer a obra a través do Plan Único. Non obstante, tras a aprobación dos plans de 2023, 2024 e 2025, "non existe nin un só avance", afirman.
As palabras de Miguel Fernández no pleno de novembro de 2023 non deixan lugar a dúbidas das súas promesas: "E vaise facer, porque a normativa nolo permite e porque temos financiamento e vaise dedicar unha parte do plan único para facelo".
Os populares consideran inaceptable esta parálise e esixen que se execute de inmediato a reconstrución da infraestrutura, que ademais de supoñer un risco pola falta de sinalización, obriga aos residentes da zona a dar un rodeo de case catro quilómetros.
“O alcalde fala, pero non cumpre. Lugo necesita un cambio e o rural precisa respostas reais”, subliñan dende o Grupo Municipal do PP.