O PP de Lugo denuncia o abandono das instalacións deportivas

LugoXa
Nunha revisión recente dos catro campos de fútbol municipais, o PP detectou deficiencias comúns como redes perimetrais rotas, banquiños deteriorados, entre outras
Redes-perimetrais-rotas-Luis-Gorgoso-Lugo
12 Jun 2025

O voceiro popular Damián Carballo lamentou o "abandono sistemático" das infraestruturas deportivas por parte do bigoberno de Lugo. Carballo advertiu que “nada se sabe do pavillón polideportivo prometido xa por tres alcaldes diferentes” e asegurou que “nin sequera manteñen en condicións dignas as dotacións que xa existen”.

Nunha revisión recente dos catro campos de fútbol municipais, o PP detectou deficiencias comúns como redes perimetrais rotas, banquiños deteriorados, vestiarios con humidades e pintura en mal estado –nomeadamente nos campos das Gándaras e Luis Gorgoso–, así como a necesidade de mellorar o mantemento do céspede artificial en A Cheda ou crear un espazo de almacenaxe no Polvorín.

Carballo tamén propuxo incorporar o campo municipal de Nadela para aliviar a saturación actual dos espazos deportivos e favorecer a práctica do deporte base.

O concelleiro popular denunciou a “falta dunha política deportiva seria e a longo prazo”, sinalando que a saturación das instalacións e os atrasos nas actuacións están a dificultar a organización de adestramentos e competicións, afectando tanto a clubs federados coma ao deporte base.

Ademais, criticou a negativa do concelleiro de Deportes a colaborar co acordo marco entre a Xunta e a FEGAMP para usar as instalacións deportivas dos institutos, que considera “bloqueada por unha estratexia partidista”.

Por último, Carballo cualificou de “recoñecemento implícito do abandono” a recente licitación do contrato de mantemento de campos de fútbol e béisbol, que considera tardía: “Se todo vai ben, non estará adxudicado ata despois do verán, coas competicións xa iniciadas, coma pasou no Polvorín”.

⚙ Configurar cookies
0.17433595657349