O PP de Lugo denuncia o abandono de espazos verdes na cidade

LugoXa
Na Carballeira de Fingoi, os elementos de ximnasia ao aire libre atópanse nun estado “de abandono evidente”, critican
Elementos-Ximnasia-deteriorados-carballeira-Fingoi
9 Apr 2025

O Grupo Municipal Popular de Lugo vén de denunciar o estado de abandono que presentan varios espazos verdes da cidade, tras recoller múltiples queixas veciñais nas últimas semanas. En concreto, sinalan a Carballeira de Fingoi e a Área Recreativa do Castiñeiro como dous exemplos evidentes da falta de mantemento por parte do Concello.

Segundo explica o grupo popular, esta denuncia forma parte do seu labor diario de “escoita activa”, co obxectivo de ser “parte da solución e correa de transmisión entre os veciños e os órganos municipais competentes”.

Na Carballeira de Fingoi, un dos principais pulmóns verdes e espazos de lecer ao aire libre da cidade, os elementos de ximnasia ao aire libre atópanse nun estado “de abandono evidente”: están sucios, sen mantemento e, nalgúns casos, completamente inutilizables. Ademais, a varanda do sendeiro paralelo precisa reparacións urxentes para garantir a seguridade dos usuarios.

A situación é semellante no Parque do Castiñeiro, onde bancos e mesas da zona de merendeiro están cubertos de verdín, deteriorados e sen condicións axeitadas para o uso cidadán. “Lugo merece espazos coidados e seguros”, reclamou a concelleira do PP, lembrando a importancia de conservar estes espazos naturais como puntos de encontro e benestar para a veciñanza.

Por outra banda, os populares tamén criticaron a falta de transparencia do Goberno local sobre a tala de árbores no parque de Rosalía. “Pedimos explicacións o pasado 18 de marzo e a día de hoxe seguimos sen resposta”, lamentan desde o grupo municipal.

Dende o PP de Lugo esixen ao executivo local que actúe con urxencia para recuperar estes espazos e que dea conta das súas decisións en materia medioambiental.

⚙ Configurar cookies
0.14086890220642