O PP de Lugo denuncia o abandono do campo municipal de béisbol do Ceao

LugoXa
A falta de servizos básicos e a degradación das instalacións impiden o normal desenvolvemento dos clubs de béisbol e softball da cidade
campo-municipal-de-beisbol-Lugo
18 Mar 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo quere denunciar publicamente o estado de abandono no que se atopa o campo municipal de béisbol situado no polígono do Ceao, unha instalación deportiva que, a día de hoxe, non reúne as condicións mínimas de dignidade nin de funcionalidade propias do século XXI.

Na actualidade, o campo carece de servizos básicos como vestiarios e baños, obrigando aos usuarios a desenvolver a súa actividade en condicións claramente precarias. A esta situación súmase o deficiente estado das gradas, que ademais de atoparse deterioradas, non contan con ningún tipo de cuberta que protexa aos asistentes das inclemencias meteorolóxicas.

Outro dos problemas graves detectados é a falta dun almacén onde poder gardar, con seguridade, o equipamento necesario: algunhas entidades xa sufriron a sustracción das súas pertenzas.

Dende o Grupo Popular advirten de que esta situación está a impedir o normal desenvolvemento e crecemento dos clubs de béisbol e softball da cidade, que non poden progresar nin atraer novos practicantes debido á carencia de infraestruturas axeitadas.

Neste senso, o concelleiro popular Damián Carballo pregúntase “se realmente é tan elevada a carga económica para o Concello como para non ser capaz de instalar, cando menos, unha cabina sanitaria que permita aos usuarios realizar as súas necesidades cun mínimo de dignidade”. Así mesmo, cuestiona “a que está esperando o Goberno local para dotar esta instalación de vestiarios acordes ás necesidades dos deportistas”.

O PP de Lugo esixe ao equipo de goberno unha actuación inmediata para dignificar o campo municipal de béisbol do Ceao, garantindo unhas condicións básicas que permitan aos clubs desenvolver a súa actividade con normalidade e fomentando así o deporte na cidade: “En Lugo temos a sorte de poder atopar clubs nos que practicar toda sorte de deportes e por iso os deportes minoritarios teñen que contar co apoio do Concello”.

0.12034010887146