O PP de Lugo denuncia o deterioro das instalacións deportivas das Pedreiras e reclama unha reforma integral

LugoXa
A formación critica o mal estado do estadio Gregorio Pérez Rivera e esixe solucións inmediatas aos numerosos problemas de mantemento
pista-atletismo-Gregorio-Pérez-Rivera-As-Pedreiras-Lugo
11 Jul 2025

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo vén de alertar sobre o estado de abandono das instalacións deportivas das Pedreiras, especialmente do estadio Gregorio Pérez Rivera, que cualifican como un espazo emblemático para o deporte lucense pero que, co paso dos anos, foi sufrindo un progresivo deterioro.

O portavoz popular Damián Carballo advertiu que a substitución do tartán da pista, moi danado polo uso continuado, require unha intervención de grande envergadura e un investimento significativo. Con todo, sinalou tamén a existencia de múltiples deficiencias menores que seguen sen atenderse, evidenciando —di— unha falta de interese do goberno local por mellorar o día a día das persoas usuarias. Entre estas eivas destacan baixantes rotas que causan filtracións no módulo cuberto, colchonetas inservibles, material de ximnasio danado, fosos de salto tapados con lonas, obstáculos defectuosos, problemas recorrentes coa auga quente nas duchas e portas avariadas.

Desde o PP consideran que a situación require unha reforma profunda do estadio, cun proxecto ben definido e financiamento axeitado, pero tamén insisten en que non é necesario agardar por unha gran obra para acometer solucións a pequenas deficiencias que mellorarían considerablemente as instalacións.

Carballo adiantou que levará ao pleno unha serie de propostas elaboradas en diálogo constante con deportistas e usuarios, co obxectivo de esixir medidas concretas para poñer freo ao deterioro. Ademais, lembrou ao concelleiro de Deportes que a externalización do servizo de mantemento non o exime da responsabilidade de supervisar o estado das instalacións e o traballo da concesionaria.

Os populares denuncian tamén a falta de limpeza e desbroce das zonas exteriores do recinto, onde os restos de poda rematan na pista, engadindo riscos á xa precaria situación do tartán. Conclúen comprometéndose a seguir traballando con responsabilidade institucional, pero tamén con esixencia e compromiso, para garantir un presente e un futuro digno para o deporte en Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.15582585334778