O PP de Lugo denuncia o empeoramento da tramitación de licenzas
O PP afirma que “a tramitación de licenzas en Lugo empeora a pasos axigantados”. Esta aseveración aválase nos datos oficiais, obtidos das xuntas de goberno, e que o Grupo Popular analizou comparando o número de expedientes resoltos no que levamos de ano co mesmo período do anterior.
O viceportavoz popular explicou como “no primeiro trimestre de 2022 pasaron por xunta de goberno menos da metade de licenzas que as resoltas en 2021”. Estes datos corresponden aos expedientes do ámbito urbano que pasaron das 66 solicitudes tramitadas do ano pasado ás 29 do que levamos deste exercicio”.
O popular aclarou que no caso das solicitudes do ámbito rural mantense o ritmo coas 24 resoltas de 2021 e as 25 resoltas neste primeiro trimestre de 2022. “En ambos os casos trátase dunha cifra moi pobre” sinalou.
Antonio Ameijide valoraba a situación que se vive en Lugo como “ desmoralizadora para todos os veciños que queren facer rehabilitacións ou reformas, para o pequeno comercio e autónomos que viven do sector da construción”. O viceportavoz popular manifestaba a súa preocupación pola “falta de control e dirección política que hai no departamento” lembrando que “desde a marcha de Couto non foron capaces de recuperar o ritmo a pesar de que pasaron dous concelleiros novos, a pesar de que hai un novo xefe de servizo e mesmo a alcaldesa recorreu á designación dun coordinador”. De momento a realidade é que a atención cae en picado e os números certifícano”. “Está a poñerse en risco o investimento e a forma de vida de moitas familias con esta falta de dirección política”.
Para o viceportavoz popular a situación é dunha gravidade extrema e non ten xustificación algunha. Por este motivo afirma que “se o bigobierno de Lugo non é capaz de axilizar a tramitación de licenzas e de resolver o colapso administrativo que hai, cos 206 expedientes que esperan que algún técnico os revise, reclama que se recorra ao apoio puntual dunha asistencia técnica ou ben se autorice o emprego da ECCOM para desatascar o pescozo de botella que hai no departamento”.