O PP de Lugo denuncia o estado de abandono de dous edificios municipais no centro
Tras rexistrarse un incendio nun piso municipal con okupas na rúa Catedral e logo das queixas veciñais polo estado de abandono e o foco de insalubridade que representa un edificio, tamén propiedade do Concello, en Ramón y Cajal, o PP pide a PSOE e BNG que asuman a súa responsabilidade no mantemento destes inmobles. Instan ao Goberno local a coidar o seu patrimonio e dar exemplo á cidadanía “non poden esixir á veciñanza o que eles mesmos incumpren”.
Ramón Cabarcos pide adoptar medidas urxentes nestes 2 edificios municipais que están baleiros, en ruína e sen uso para evitar que sigan representando un perigo e un foco de problemas para a veciñanza. Os populares tamén cuestionan que socialistas e nacionalistas “utilicen o diñeiro de todos os lucenses para facer edificacións sen uso coñecido mentres descoidan as súas propiedades” xa que “é todo o contrario dos principios de sostibilidade e de ecoloxismo nos que basean o seu discurso”.
Denuncian o estado en ruínas do edificio situado entre a rúa Ramón y Cajal e o Carril dos Fornos, “onde apenas é visible unha edificación de titularidade e xestión municipal”. Destacan que a parcela presenta unha situación selvática e é supón un foco de insalubridade que preocupa á veciñanza da contorna. Outro exemplo para eles de falta de mantemento, tamén no casco histórico, é o do edificio sito na rúa da Catedral número 13 que mesmo foi okupado ilegalmente e no que tivo lugar, no mes de xuño, un incendio que puido acabar en traxedia.
Aseguran que neste caso o Goberno municipal non prestou atención á problemática que había neste inmoble, a pesar das queixas veciñais, que levaban tempo advertindo dos riscos que supoñían ter okupas nesta vivenda. Afirman, tamén, que en ambos casos existen requirimentos á administración local para que solucionen os problemas derivados, pero que se ignoraron estas peticións “abandonando os inmobles á súa sorte, sen rehabilitalos, nin coidalos cando poderían ter uso colectivo e cultural dado que están situados en zonas históricas da cidade de Lugo”.