O PP de Lugo denuncia o estado "de abandono" no que se atopa o MIHL

O Grupo Municipal do Partido Popular visitou o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) para denunciar o estado de abandono dun espazo "que naceu como o gran proxecto cultural do PSOE e que, hoxe, nin é museo, nin é interactivo".
O concelleiro Agustín Gallego lembrou como “o MIHL custou sete millóns de euros e foi presentado como un referente vangardista para divulgar a historia da cidade, pero trece anos despois da súa inauguración, o edificio carece de contido definido, a zona da exposición permanente está pechada e baleira, os elementos tecnolóxicos non funcionan e o espazo converteuse nun multiusos sen identidade museística”.
Gallego lembrou como o anterior alcalde, Orozco, quen impulsou este proxecto, chegou a comparalo coa Casa das Ciencias da Coruña. “A realidade é que esa comparación hoxe soa case a burla, xa que mentres outras cidades apostan por espazos vivos e divulgativos, Lugo ofrece un edificio baleiro e sen proxecto. Lugo non pode permitirse ofrecer esta imaxe a quen nos visita", denuncia.
Desde o Grupo Municipal Popular, propoñen unha revisión integral dos contidos do MIHL, a reparación inmediata das deficiencias técnicas e a recuperación do uso museístico da Caixa Negra para que o museo cumpra por fin o obxectivo para o que foi creado: ser un espazo vivo e divulgativo da historia de Lugo.
CANCELACIÓN DO WE TATTOO LUGO NO MIHL
Ademais, lembran o sucedido co festival We Tattoo Lugo, xa que a Asociación Galega de Arte Corporal (AGAC) comunicou que, debido ao estado no que se atopa o MIHL, onde ía celebrarse a segunda edición de WE TATTOO, decidiron aprazala para despois do verán. "Partes do teito estaban caídas, aínda había auga sobre a tarima tras a inundación do 11 de abril, humidade e outras condicións que imposibilitan a realización do evento por seguridade física e sanitaria tanto do público como dos participantes", explicaron.
Así, lamentaron que ninguén lles dera constancia do sucedido para poder actuar o máis rápido posible e buscar unha nova localización canto antes. "Esta edición contaba con máis participantes, triplicando os da anterior, e incluía actuacións en directo de artistas como Gin Tonic's, Mad Martin e Miguel Lago, entre outros, así como espectáculos, premios e varias sorpresas para os asistentes, como unha zona de iniciación con clases de debuxo, piercing e tatuaxe".
Desde o PP critican que os organizadores "non recibiron ningunha alternativa viable, e a resposta institucional foi completamente insensible, chegando mesmo a negarlles o reembolso íntegro que desembolsaron como garantía do alugueiro do Gustavo Freire que tiñan contratado como espazo complementario".