O PP de Lugo denuncia que o goberno local rexeita as súas propostas para mellorar as axudas de emerxencia social

LugoXa
Os populares critican a falta de vontade do Goberno local para atender o urxente e acúsano de dar a espalda ás familias máis vulnerables
PP-de-Lugo-rolda-de-prensa
1 Jul 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denunciou que o goberno local rexeitou as seis alegacións presentadas pola súa formación para mellorar a ordenanza de Axudas de Emerxencia Social Municipal. O obxectivo destas propostas, segundo explicaron, era facer o procedemento máis áxil, máis xusto e máis útil para as familias que máis o precisan.

O concelleiro popular Gustavo Díaz lamentou a negativa do Executivo municipal a incorporar estas achegas. “Desde o PP traballamos con rigor, responsabilidade e sentido común, pensando sempre nas persoas. Por iso presentamos propostas que, lonxe de poñer paus nas rodas, buscaban sumar e mellorar”, afirmou.

Entre as melloras plantexadas polo PP e rexeitadas polo goberno local estaba a actualización dos límites económicos, para revisar os topes de ingresos e os importes máximos das axudas, adaptándoos á realidade social e económica actual, como xa fixeron cidades como Pontevedra, Ourense ou León. Tamén propoñían incluír gastos esenciais como o pago da auga ou o acceso a internet básico, especialmente para garantir a igualdade na educación.

Outras medidas buscaban establecer un procedemento de urxencia real con resolución nun prazo de cinco días hábiles para casos críticos, como desafiuzamentos ou cortes de subministracións; reducir a burocracia para os colectivos máis vulnerables, permitindo a concesión provisional da axuda con base nun informe social; priorizar colectivos como vítimas de violencia de xénero, persoas sen fogar ou maiores en situación de soidade ou dependencia leve, e mellorar as notificacións ás persoas solicitantes para garantir unha comunicación clara e expresa.

“A política social non pode facerse de costas á realidade. Estas propostas eran sensatas, estaban fundamentadas e tiñan como única finalidade chegar antes e mellor ás persoas que o precisan”, resaltou Gustavo Díaz.

O concelleiro denunciou tamén que o goberno local “nin sequera atende o urxente”. Como exemplo, citou a situación vivida recentemente na escola infantil Gregorio Sanz, onde os nenos e nenas tiveron que soportar temperaturas superiores aos 30 graos. Díaz lembrou ademais que PSOE e BNG votaron en contra da proposta do PP para planificar e mellorar o mantemento dos centros sociais, onde persisten problemas como goteiras, filtracións ou deficiencias na climatización.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.16271209716797