O PP de Lugo denuncia un ano perdido para o Carme e reclama un novo modelo urbanístico para rexenerar o barrio

O Partido Popular de Lugo denunciou que o barrio do Carme leva “un ano perdido” pola “inacción do goberno local” e presentou unha proposta para impulsar unha nova ordenación urbanística que permita a súa rexeneración. O vicevoceiro popular, Ramón Cabarcos, asegurou que a veciñanza “leva anos esperando algo tan sinxelo como que o Concello cumpra a súa palabra” e defendeu que “o Carme merece ser un barrio vivo, habitado e coidado”.
Cabarcos lembrou que no pleno municipal de setembro de 2023, o executivo local anunciou, en resposta a unha proposición do Grupo Municipal Popular, que iniciaría a modificación parcial do PXOM respecto á bolsa do Carme “unha vez que entrase en vigor o 5 % do plan xeral”. “O PXOM está integramente en vigor desde o 11 de novembro de 2023, pero nada se fixo dende entón”, lamentou.
O portavoz popular sinalou que, un ano despois, no pleno de novembro de 2024, o goberno municipal volveu prometer “a convocatoria dun concurso de ideas para avanzar na rexeneración do barrio, coa intención de acadar a súa recuperación completa antes de 2027”. “Pasou case outro ano e a realidade segue igual: non hai proxecto, non hai concurso e non hai avances”, criticou Cabarcos, quen acusou ao PSOE e ao BNG de “non ter palabra” e de “levar anos prometendo un proxecto que non existe mentres o barrio continúa paralizado e os veciños sen respostas”.
O vicevoceiro popular explicou que o planeamento vixente para o Carme, o PERI 6, “é inviable” e contén contradicións que impiden calquera actuación real. “O Concello debería recoñecer o erro e abrir un novo marco de planificación adaptado á realidade actual, que combine a protección do patrimonio co dereito dos veciños a rehabilitar e habitar as súas vivendas”, afirmou.
Como alternativa, o PP propón anular as disposicións do actual plan especial e deseñar un novo modelo urbano para os 87.753 metros cadrados que ocupa o barrio, diferenciando dous ámbitos: un para a edificación consolidada, que permita rehabilitacións integrais baixo criterios de protección e seguridade; e outro para os espazos libres de edificación, onde se poida redistribuír o aproveitamento urbanístico “con sentido e equilibrio”.
Cabarcos comparou a situación co traballo doutras administracións, como a Xunta de Galicia, que “en xuño anunciou un concurso de ideas para rehabilitar o Pazo de Dona Urraca e hoxe xa entrega os premios cos proxectos seleccionados”. “E fronte a iso —engadiu—, temos un goberno local que dez meses despois de anunciar o concurso de ideas para o Carme non fixo absolutamente nada. Tempo perdido, todo un paripé”.
O dirixente popular concluíu asegurando que “hai dúas formas de gobernar: a que avanza e cumpre, e a que promete e paraliza. O PSOE e o BNG volveron demostrar que elixen a segunda”.