O PP de Lugo destaca o compromiso da Xunta para cofinanciar a mellora da Protectora de Animais

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo celebrou o compromiso da Xunta de Galicia para cofinanciar a reforma da Protectora de Animais nas súas instalacións actuais, sumando esforzos coa Deputación e co Concello de Lugo.
A voceira popular, Elena Candia, anunciou esta colaboración tras unha reunión mantida coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.
Candia avanzou que trasladará esta proposta ao novo alcalde, Miguel Fernández, na xuntanza solicitada formalmente polo PP o pasado 12 de marzo, aínda sen data fixada. Segundo indicou, a mellora das actuais instalacións da Protectora “é unha demanda compartida por moitos veciños e mesmo polo propio alcalde, que así o expresou no seu discurso de toma de posesión”.
A voceira popular subliñou que “o normal sería que as tres administracións se implicasen neste proxecto” e insistiu en que “seguiremos defendendo que se mellore a ubicación actual en lugar de trasladala a outro lugar, como pretende o goberno local”.
A Deputación de Lugo xa aprobou unha iniciativa presentada polo PP, coa adhesión dos deputados do BNG e o voto en contra do PSOE, para ampliar e mellorar a Protectora na súa localización actual. Pola contra, o Goberno local vén de rexeitar a alegación presentada pola Protectora aos orzamentos municipais de 2025, na que solicitaba a legalización e mellora das instalacións existentes.
Cómpre lembrar que nos orzamentos deste ano se contemplan 100.000 euros para melloras na Protectora actual e 400.000 euros para construír unhas novas instalacións noutra localización, decisión que conta coa oposición dos voluntarios e usuarios do servizo.
“Dende o inicio do mandato iniciamos a loita pola reforma da actual Protectora e non pararemos ata facela realidade”, concluíu Elena Candia, reforzando o compromiso do PP coa mellora deste servizo esencial para o benestar animal no municipio.