O PP de Lugo enfrontase contra o Concello pola tala de ábores: “Eliminan sen xustificación e reducen zonas verdes”
A popular Elena Candia lamenta a “hipocrisía ambiental” socialista e nacionalista e a súa “insensibilidade no tratamento do arborado da cidade”, apoiándose na tala de especies centenarias no aparcadoiro de Santa María que, segundo apuntan, incumpre a ordenanza de parques, xardíns e arboredo urbano do 2008.
Para os populares, o Goberno local non fixo caso a varios artigos desta normativa, xa que no 30 indícase que a corta require de licenza ou autorización municipal. “É evidente que se podería estar incumprido a norma, non só por estar prohibida a tala de árbores sen autorización expresa, senón tamén por non ter solicitado licenza”.
Aseguran que se precisa un proxecto específico, “así coma a aprobación municipal tralo informe dos técnicos”. Ademais, a propia ordenanza esixe que “nos aparcadoiros de superficie que se constrúan haxa presenza de árbores” e no artigo 7 insístese en que os promotores “procurarán o máximo respecto ás árbores e ás plantas existentes”.
Obras de peonalización e carril bici
Por outra banda, dende o Grupo Municipal seguen agardando polo informe de Medio Ambiente que se solicitou o 12 de marzo e que certifica que as árbores da rúa Montevideo estaban mal e que había que cortalas. Tamén lamentan que socialistas e nacionalistas permitiran o “maltrato” das árbores da cidade durante as obras de peonalización ou a substitución das especies en Lamas de Prado ou Camiño Real por xardineiras que presentan "un aspecto descoidado por falta de mantemento". E mesmo sinalan a eliminación dalgunhas de porte en diversas intervencións urbanas como a contorna da igrexa do Carme.
Por último, lembran que arrincaron árbores en Río Ulla, Germán Alonso e López Guntín para facer o carril bici. A voceira popular Elena Candia conclúe que están diante dun Goberno que “presume de sostibilidade pero o seu ecoloxismo e respecto ao medio ambiente só se ve no edificio Impulso Verde en un carril bici que ninguén usa”.