Diferentes entidades apoian que Lugo sexa sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo vén de solicitar que o PSOE e o BNG, como integrantes do goberno local e da Deputación, apoien sen dúbidas a candidatura da cidade como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública. Esta petición chega tras a aprobación da creación da Axencia polo Senado, e cando o proxecto regresa ao Congreso para a súa votación final, prevista para mañá.
A portavoz popular, Elena Candia, xa defendeu esta iniciativa no 2022, fundamentándoa na presenza en Lugo do Laboratorio Central de Saúde Pública, referente nacional en seguridade alimentaria e sanidade animal desde 2014, no funcionamento do Centro Integral de Saúde de A Residencia e no cumprimento dos requisitos do Ministerio, como contar con infraestruturas dispoñibles e atoparse nun territorio afectado pola perda demográfica.
Candia asegura que Lugo está preparada para acoller esta sede, pero insta a PSOE e BNG a deixar de "mirar para outro lado" e demostrar que están dispostos a priorizar os intereses da cidade fronte aos do presidente Pedro Sánchez.
Desde o PP de Lugo subliñan que “non basta con sacar fotos nin facer declaracións oportunistas”, senón que esixen “compromisos claros e accións concretas para defender Lugo”. Advirten ademais que a falta de apoio á proposta suporía renunciar a unha oportunidade única para situar Lugo como referente estatal e internacional en políticas de saúde pública.
Os populares reclaman que o goberno local e a Deputación impulsen formalmente a candidatura de Lugo ante a Xunta de Galicia e o Goberno central, para evitar que se perda outra vez esta oportunidade estratéxica para a cidade.
CONTESTACIÓN DESDE O CONCELLO DE LUGO
Desde o Concello de Lugo aseguran "estar á espera de coñecer os criterios e esixencias marcados desde o Goberno de España e analizar se Lugo os cumpre. Se é así, todo o traballo previo canalizarase nunha candidatura oficial", sosteñen.
Porén, indican que "non existe polo momento un documento definitivo", xa que o proxecto de Lei para a creación da Axencia limítase a indicar, na súa disposición final primeira, que o Goberno aprobará no prazo de seis meses a partir da súa entrada en vigor os estatutos da mesma a proposta conxunta dos ministros de Facenda, Función Pública e Sanidade.
Desde Alcaldía están a facerse xestións sobre este asunto, "pero falta concreción; de momento non sabemos o que vai pasar".
Ademais, afean así mesmo o oportunismo de Candia e a demagoxia do grupo municipal do PP tentando capitalizar o traballo do goberno local, "como vén sendo habitual", conclúen.
A CEL TAMÉN APOSTA POR LUGO COMO SEDE
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) solicitou que a futura Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), cuxa creación será aprobada de forma inminente no Congreso, estableza a súa sede na cidade de Lugo.
A nova Axencia asumirá as competencias técnicas do Ministerio de Sanidade no ámbito da vixilancia en saúde pública, destacando a coordinación e avaliación da futura Rede Estatal de Vixilancia en Saúde Pública, que substituirá a actual Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, ampliando a súa cobertura a enfermidades non transmisibles, lesións, factores sociais e inequidades en saúde.
A CEL defende que Lugo representa a localización idónea para acoller esta nova entidade estatal, argumentando que o municipio xa acolle o Laboratorio Central de Saúde Pública de Galicia (LSPG), infraestrutura clave na análise dos datos procedentes dos programas de vixilancia da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Este centro foi reforzado cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos de recuperación pospandemia, o que lle permitiu multiplicar a súa capacidade analítica e consolidarse como referente estatal en seguridade alimentaria e sanidade ambiental.
Ademais, a CEL lembra que Lugo dispón dun ecosistema sanitario e empresarial destacado, con compañías como AMSlab ou ICM, laboratorios de referencia no seu ámbito, así como centros hospitalarios de alto nivel, entre os que subliña o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
A patronal subliña que a elección de Lugo como sede da AESAP contribuiría a dinamizar o tecido económico e social da cidade e da provincia, funcionando como motor para atraer novas empresas e servizos relacionados coa saúde pública.
LUGO RURAL IMPORTA SÚMASE
A federación de asociacións Lugo Rural Importa reclamou con firmeza este mércores que a cidade de Lugo sexa escollida como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública.
Desde a federación manifestaron a súa adhesión a todas as voces que están a mostrar apoio á candidatura lucense, e subliñaron que resulta fundamental que as forzas políticas deixen de lado os intereses partidarios para defender unha proposta que podería contribuír decisivamente á dinamización do territorio, particularmente afectado polo despoboamento en amplas zonas.
Lugo Rural Importa asegurou que observa con escepticismo algunhas das afirmacións do goberno municipal, nas que —segundo denuncian— se suxire que a cidade podería non cumprir cos requisitos necesarios para albergar a sede da Axencia. Consideran que sería “lamentable e difícil de explicar á cidadanía” que o executivo local non defenda con contundencia esta opción en nome dos intereses comúns.
A federación lembra que Lugo conta con recursos e infraestruturas que xustifican sobradamente a súa candidatura, como o Laboratorio de Saúde Pública ou o Centro Integral de Saúde, ademais dunha localización estratéxica nunha provincia especialmente afectada pola perda de poboación, polo que, insisten, “a implantación da Axencia en Lugo sería un paso decisivo para reverter esa realidade e para descentralizar institucións públicas”.