O PP de Lugo esixe ao Goberno local axilidade na contratación dos comedores escolares
Cando faltan pouco máis de tres semanas para o comezo do curso académico, o PP esixe ao Goberno local axilidade na contratación dos comedores escolares. Os populares afirman que é preciso dar certezas ás familias que, a estas alturas, teñen que organizarse e que están preocupadas pola falta de información que hai neste momento sobre esta prestación.
“Este tipo de contratos require dunha previsión adecuada para evitar imprevistos que prexudiquen ás familias que dependen dos comedores”. A alarma desta preocupante situación xurde cando no punto 5 da orde do día da xunta de goberno do 31 de xullo se informa de que “por un erro de cálculo do custe” o goberno local desiste do procedemento.
Lonxe de poñer remedio a esta situación aseguran que comprobaron como na xunta de goberno non se recupera este asunto para darlle unha solución definitiva. Por iso, piden máis xestión e celeridade en buscar unha solución co ánimo de trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás familias que necesitan este servizo que interpretan este retraso como unha mostra da indiferencia de PSOE e BNG por este asunto prioritario para moitas familias lucenses.