O PP de Lugo esixe igualdade de trato e reforzar a colaboración da Deputación cos concellos

LugoXa | SarriaXa
Os deputados populares conclúen a súa rolda de xuntanzas na Montaña comprometéndose a impulsar medidas que beneficien a todos os municipios da provincia
Xuntanza-PP-A-Montaña
21 Oct 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular puxeron fin á serie de encontros cos alcaldes e voceiros do PP de toda a provincia cunha última reunión cos representantes dos municipios da Montaña lucense, na que lanzaron unha mensaxe clara: “manteremos a presión sobre a Deputación de Lugo ata acadar un trato igualitario para todos os lucenses, independentemente do municipio no que vivan”.

Na xuntanza participaron, ademais dos deputados Antonio Ameijide, José Pardo, Francisco Balado e Jesús Núñez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e representantes dos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Triacastela.

Todos os asistentes coincidiron en destacar “a gran necesidade” de que a Deputación de Lugo “colabore de forma igualitaria” con todos os concellos da provincia, denunciando que “o que están a facer desde o goberno provincial é dar cartos ilimitados aos seus afíns, afogando e case asfixiando á maior parte dos veciños e aumentando as desigualdades entre concellos”.

Deste xeito, os deputados populares adquiriron o compromiso de “incrementar a presión” sobre o goberno de José Tomé “ata acadar unha igualdade real”. “Non dicimos que a colaboración cos concellos que eles deciden se non faga, o que defendemos é que se colabore con todos os municipios porque todos teñen necesidades semellantes e recursos, tanto económicos como humanos, moi limitados”, afirmaron.

Outra das reclamacións realizadas polos representantes do PP nos concellos da zona sur foi o estado de mantemento da rede viaria provincial. “O mantemento é mínimo ou nulo na maioría dos concellos”, o que dá lugar a que as vías de titularidade da Deputación sexan “perigosas”, a pesar de ser estradas que deben vertebrar a comunicación entre os municipios.

Os deputados populares recordan que a rede viaria provincial “é a máis extensa de España e é unha realidade grazas a gobernos do PP á fronte da Deputación que a crearon con moitos menos medios dos que dispoñen PSOE e BNG para o seu mantemento”, e que “os dous plans anunciados por José Tomé non foron máis que parches que nada solucionaron, xa que os problemas seguen latentes, enquistándose cada día máis”.

Ademais, destacaron que a colaboración cos concellos “é outro debe no haber do goberno de PSOE e BNG”, que se nega a asumir competencias propias, como a recollida de animais ou o ciclo da auga.

⚙ Configurar cookies
0.069535970687866