O PP de Lugo esixe melloras na Louzaneta e na Ponte
O Partido Popular no Concello de Lugo lamentou hoxe a pasividade do Goberno local á hora de desenvolver o plan parcial da Louzaneta e recriminan “a falta de palabra dada pola rexedora de Lugo cando hai catro anos prometeu realizar este trámite”.
Asemade, destacou que “é unha vergoña que, a día de hoxe, sigamos na mesma situación, sen data e sen novas de cando será unha realidade este compromiso”.
E é que os populares reuníronse onte coa veciñanza do barrio da Ponte e As Arieiras e foron eles quen plantexaron este asunto. Precisamente, algúns dos empresarios das naves, segundo informan os populares, manifestaron “o seu malestar polo abandono do polígono”.
O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, comprometeuse a celebrar a vindeira semana un encontro monográfico con eles para buscar unha solución e presionar ao Goberno local para que axilice o desenvolvemento deste plan parcial.
Durante a xuntanza cos veciños tamén abordaron a necesidade de mellorar esta entrada á cidade, unha maior perioricidade na limpeza das cunetas e a de impulsar o desenvolvemento dunha área de Rehabilitación no barrio da Ponte para recuperar edificios e espazos públicos e, así, atraer poboación e a creación de negocios.
“É necesario tomar o río como eixo da recuperación do barrio e para iso necesítase completar o cinto verde na unión Miño-Intre así como a recuperación da Fábrica da Luz e lembran que tamén se reclamou en reiteradas ocasións que se habilite un aparcamento, xa que a zona que hai é moi reducida e está desbordada cando hai bo tempo”, explicou Ameijide.