O PP de Lugo esixe o desbloqueo do tapón urbanístico na segunda rolda

LugoXa
Pide a apertura dun vial para comunicar as rúas Evaristo Correa Calderón, Serra Gañidoria, Río Lor e Escultor Asorey
tapon-urbanistico-segunda-rolda
4 Aug 2025

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo volve denunciar a "parálise absoluta" do goberno local do PSOE e do BNG, "que mantén bloqueada unha das conexións previstas na segunda rolda da cidade por culpa dun tapón urbanístico que, tras anos de inacción, segue sen solución".

A situación afecta directamente á zona comprendida entre as rúas Evaristo Correa Calderón, Serra Gañidoria, Río Lor e Escultor Asorey, onde a apertura dun novo vial permitiría mellorar a mobilidade, humanizar o espazo e poñer fin ao abandono que sofren os solares do entorno. Non obstante, esa apertura segue sendo imposible mentres o goberno local non derrube o tapón urbanístico que bloquea a zona.

O PP lembra que no ano 2022 un veciño iniciou unha recollida de sinaturas, que contou co apoio de numerosos residentes, para esixir avances nunha obra que leva anos proxectada e para a que xa se dera algún paso, como a expropiación da antiga cociña do Divino Maestro. A pesar diso, o bipartito non fixo nada desde entón.

“O que podería ser unha zona con rúas, beirarrúas, iluminación e servizos, é hoxe un espazo cheo de silvas, ratas e abandono, por culpa da incapacidade de PSOE e BNG para xestionar os problemas reais da cidade”, denuncian os populares.

Desde o grupo municipal do PP pregúntanse cantos anos máis teñen que esperar os veciños para ver aberta esa vía, e cantas firmas máis hai que recoller para que o bipartito escoite á xente e actúe dunha vez.

O PP quere lembrar que durante os sucesivos gobernos de PSOE e BNG apenas se avanzou na solución dos numerosos tapóns urbanísticos que lastran o desenvolvemento urbano de Lugo, mentres que as corporacións dirixidas por alcaldes do Partido Popular demostraron eficacia e compromiso co futuro da cidade, sabendo distinguir entre traballar por Lugo e preocuparse só de saír na foto.

“É hora de que o goberno local se poña a traballar e actúe con responsabilidade. Os veciños merecen solucións, non máis escusas nin máis promesas incumpridas”, conclúen os populares.

⚙ Configurar cookies
0.48259282112122