O PP de Lugo esixe o peche definitivo de Las Palmeras por ameazar a seguridade na Milagrosa

LugoXa
Segundo Arroxo, “está claro que Elena Candia non vale para ser alcaldesa de Lugo, salvo que queira facer como fan tantos alcaldes do PP que acaban imputados por prevaricación”
PP-Las-Palmeras
7 Jul 2025

O grupo municipal do Partido Popular en Lugo vén de reclamar unha intervención urxente do Goberno local para garantir a seguridade e a convivencia no barrio da Milagrosa, sinalando a reapertura do local nocturno Las Palmeras como un grave problema de orde pública.

Segundo denuncian os populares, este establecemento, que xa fora clausurado temporalmente en 2023 por orde do entón tenente de alcalde Rubén Arroxo, volveu abrir as súas portas sen que se corrixiran as prácticas ilegais que viña acumulando desde hai anos.

O PP critica a falta de resposta por parte do PSOE e do BNG, aos que acusan de permitir a continuidade de actividades que, segundo indican, poñen en perigo a seguridade cidadá e vulneran de maneira reiterada as normas de convivencia. A formación sinala que existen infraccións graves, como o consumo de drogas no interior do local e unha denuncia interposta contra a propietaria por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade.

Os populares aseguran que non se pode permitir que un establecemento con tantos antecedentes continúe operando con normalidade, e reclaman tamén a inspección e clausura doutros locais da zona que, segundo afirman, manteñen actividades similares. Como exemplo, apuntan á rúa Luís Seoane, que consideran convertida nun foco de sucesos policiais.

O PP manifesta que a prioridade debe ser a protección e o benestar de toda a veciñanza, e reclaman o peche definitivo de “Las Palmeras” como medida urxente para restaurar a tranquilidade na Milagrosa e previr novos episodios de conflito.

RESPOSTA DO BNG DE LUGO

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, respondeu con dureza ás declaracións feitas pola popular Elena Candia sobre a situación do local Las Palmeras. Segundo Arroxo, “está claro que Elena Candia non vale para ser alcaldesa de Lugo, salvo que queira facer como fan tantos alcaldes e alcaldesas do PP por aí adiante, que acaban imputados por prevaricación”.

O edil nacionalista lembrou que “ningún cargo político pode decidir, por orde política, pechar ningún negocio”. Segundo explicou, a clausura dun local só pode producirse tras un procedemento técnico que inclúa inspeccións e informes nos que se detecten irregularidades que xustifiquen a medida.

Arroxo detallou que no ano 2023, cando el era responsable dos expedientes sancionadores —cousa que, recalcou, xa non é actualmente—, “chegaron ao Concello unha serie de informes técnicos e sancións que permitiron a clausura de 'Las Palmeras', e por iso se procedeu ao seu peche”.

Engadiu que para poder levar a cabo unha clausura teñen que existir certas condicións: denuncias policiais, informes técnicos e outros elementos obxectivos. “Se Elena Candia pensa que ela, se fose alcaldesa, podería ir por aí pechando os locais que lle apetezan, entón ou non ten nin idea do que é ser alcaldesa ou pretende ser alcaldesa para cometer delitos de prevaricación”, concluíu.

ACLARACIÓN DESDE A PARTE SOCIALISTA DO GOBERNO LOCAL

Desde o Goberno local insisten en que tanto a Policía Local como a Policía Nacional están a desenvolver unha tarefa fundamental nas zonas con maior conflitividade da cidade, con dispositivos reforzados cada madrugada para garantir a convivencia cidadá. Subliñan que esta liña de actuación non é nova, senón que forma parte da estratexia do Goberno local desde hai tempo.

O Executivo socialista destaca que, só na contorna do local “Las Palmeras”, desde febreiro realizáronse once inspeccións conxuntas entre ambos corpos policiais, nas que se levantaron 27 actas de denuncia. Estas forman parte dos expedientes sancionadores en tramitación, froito dun traballo constante, discreto e rigoroso co obxectivo de non interferir nas tarefas policiais.

“Para lograr a clausura dun establecemento é imprescindible construír un expediente sólido e respectar todas as fases do procedemento sancionador”, apuntan fontes municipais. Lembran que se trata dun proceso garantista, que require tempo e unha tramitación coidadosa para asegurar a legalidade e os dereitos de propiedade.

O PSOE asegura que o Partido Popular é coñecedor deste traballo policial, pero acusa á formación de Elena Candia de priorizar o alarmismo e o rendemento electoral por riba da responsabilidade institucional que se lle debería esixir como principal partido da oposición.

⚙ Configurar cookies
0.16952896118164