O PP de Lugo esixe responsabilidade a PSOE e BNG pola baixa execución do Plan de Investimentos 2024

LugoXa
Carballas lembrou tamén que o Concello contratou en 2024 un crédito de 13,5 millóns de euros para financiar infraestruturas e servizos
MAR-CARBALLAS-orzamento-concello-de-lugo
18 Jan 2025

O Partido Popular criticou a xestión do Goberno local de Lugo, formado por PSOE e BNG, por só executar un 17,04% do diñeiro previsto para investimentos no ano 2024. Dos 14,1 millóns de euros reservados no anexo do Plan de Investimentos, tan só se gastaron 2.403.308,25 euros, segundo denunciou a concelleira popular Mar Carballas, quen cualificou esta cifra de “moi grave” por evidenciar unha “xestión deficiente dos recursos públicos e a incapacidade para materializar proxectos anunciados”.

Carballas lembrou tamén que o Concello contratou en 2024 un crédito de 13,5 millóns de euros para financiar infraestruturas e servizos. Porén, destacou que a recadación extra prevista para 2025, derivada da subida de impostos, coincide case exactamente cos 4.203.788 euros que o Concello terá que pagar en intereses por ese crédito.

A popular sinalou que, das 66 actuacións incluídas no Plan de Investimentos, só cinco están finalizadas, a adecuación do entorno do Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia (168.890 euros), a substitución do céspede no campo de fútbol municipal O Polvorín (350.000 €), o acondicionamento da rúa Cidade de Viveiro e Frei Plácido Rei Lemos (618.000 €) e o mantemento do camiño municipal de Ruade en Teixeiro (18.287,02 €), nun proxecto cofinanciado no que a Xunta achegou 95.000 euros.

“O resto dos proxectos están parados ou sen contratos asinados”, lamentou Carballas, subliñando que “mentres o goberno local pide máis impostos aos lucenses, non é capaz de executar os investimentos prometidos”. A edil esixiu, ademais, explicacións públicas e pediu orzamentos “realistas e útiles” para 2025.

Carballas tamén cuestionou o atraso na aprobación dos orzamentos municipais para 2025, apuntando que Lugo é a última gran cidade galega en chegar a un acordo. “En Ferrol levaron os orzamentos a pleno o 28 de novembro; en Vigo aprobáronse o 23 de decembro; na Coruña hai acordo pechado, en Santiago presentáronos o 14 de xaneiro e en Pontevedra o acordo presentouse onte”, explicou.

A popular recordou que a alcaldesa tomou posesión o 18 de xaneiro de 2024 e que, desde entón, é a responsable do Plan de Investimentos. “Prometeron colocar mobiliario no mercado de Quiroga Ballesteros e aínda non está feito, e nin sequera teñen o espazo climatizado. Falan da cidade dos cinco minutos, pero non eliminaron nin un só tapón urbanístico a pesar de contar con partidas orzamentarias”, afirmou.

Carballas tamén denunciou a falta de avance noutros proxectos, como os hortos urbanos do Impulso Verde ou a mellora das instalacións da protectora de animais, e criticou as “trapalladas” na xestión. “De cada cen euros que prometeron, non executaron nin dous”, concluíu.

0.14002084732056