O PP de Lugo esixe unha actuación urxente nos Xardíns Marcos Cela e no parque infantil da Avenida de Magoi

O Grupo Municipal Popular de Lugo reclama ao goberno local unha intervención inmediata para mellorar o estado dos Xardíns Marcos Cela e do parque infantil situado na Avenida de Magoi, fronte ao novo auditorio.
Os populares solicitan unha revisión integral desta zona de esparexemento, que presenta múltiples deficiencias, e propoñen actuacións concretas como a reposición de varandas caídas en ata cinco tramos diferentes, a reparación dos camiños interiores con fendas e irregularidades, o arranxo da parede vexetal derrubada, a limpeza das canalizacións de escorrentía cheas de area e a eliminación de pintadas vandálicas en distintos puntos, como o miradoiro ou a fonte do Pilar.
Ademais, fan un chamamento urxente á renovación do pavimento do parque infantil, "que se atopa en moi mal estado, con ocos perigosos que representan un serio risco para a seguridade dos nenos e nenas que o utilizan", critican.
Desde o grupo municipal do PP lembran que “a conservación dos espazos públicos é unha responsabilidade básica do Concello”.