O PP de Lugo esíxelle ao Concello poñer en marcha o sistema de recirculación de auga depurada
Tras coñecer que o Concello de Lugo formará parte do proxecto I-Rewater, co que aportará auga rexenerada do Ciclo da Auga para enviala, posteriormente, a zonas de secaño para a rega, dende o Grupo Municipal do PP recórdanlle á alcaldesa que o propio concello leva anos “malgastando recursos” xa que se emprega auga potable para a regar de xardíns ou baldeo de rúas, entre outros, traballos nos que se pode empregar auga depurada.
O concelleiro popular Antonio Ameijide recorda que nos últimos anos pediron en
numerosas ocasións que se empregase auga depurada para traballos nos que se pode empregar, ademais de pedir a posta en funcionamento do sistema de recirculación da auga da depuradora para garantir o caudal ecolóxico de Miño, “algo ao que o seu goberno sempre se negou”. Ameijide afirma que lles parece ben o proxecto, pero ven un “profundo descoñecemento da alcaldesa do que ten entre mans e dos medios do concello”, xa que Lugo con cun sistema punteiro de recirculación da auga dende hai máis dunha década, que custou millóns de euros e que “nunca se puxo en marcha”.
“Claro que está ben levar a auga onde se necesita”, explicou, ao que engade que “tampouco estaría mal dar exemplo e usala en Lugo, onde se emprega auga potable para baldeo de rúas, rega de xardíns...”. Con este sistema, que se comezou a instalar en Lugo no ano 2008, o municipio daría un dos mellores exemplos posibles “regulando o uso da auga potable para uso humano, deixando a auga depurada para outros fins como a rega, o baldeo das rúas ou mellorar a imaxe do río devolvendo a auga río arriba”.
Denuncian a negativa por parte do PSOE e BNG
O popular afirma que “nos últimos anos vimos como a calor e as poucas chuvias do verán pasaron factura ao caudal do río Miño”, polo que insisten na posta en marcha deste sistema, “xa que sempre nos atopamos coa negativa de PSOE e BNG”. No Concello de Lugo, a potabilizadora de auga recolle auga do río nun punto en concreto, facilitando o seu uso para as persoas, mentres que a depuradora está río abaixo, onde se trata a auga para que poida volver ao río en boas condicións.
O Goberno municipal ten instalado un sistema de bombeo de auga para que a auga depurada poida volver ao río nun punto superior ao que o fai agora, preto da zona de captación, para que o caudal sexa regular durante un percorrido maior e durante todo o ano, “un sistema que agora se pode poñer en funcionamento para devolver a auga depurada xusto despois da captación e así garantir un caudal ecolóxico, e que nunca se puxo en marcha por desidia e capricho de PSOE e BNG”.