O PP de Lugo está en contra da suba de impostos anunciada polo goberno local

LugoXa
Mar Carballas pide a Alvarellos e a Arroxo que traballen máis e gasten mellor
mar-carballas-economia
20 sep 2024

A edil popular Mar Carballas pide a Alvarellos e a Arroxo que traballen máis e gasten mellor xa que “é inadmisible que pidan un esforzo aos lucenses mentres que eles derrochan o diñeiro de todos en proxectos que non supuxeron ningún valor engadido á cidadanía (Caldas, edificio Impulso Verde, carril bici, Coliving …)

A popular explicou que o legado dos case nove meses de Paula Alvarellos como alcaldesa foi "a inauguración dun espazo de non baño no Miño e unha suba de impostos, é dicir, pedir aos lucenses que paguen máis por uns servizos moi mellorables".

Carballas indicou como no informe de intervención da conta xeral se destacan unha serie de puntos que reflicten o deterioro das contas públicas e se apunta a que "se gasta sen control a un ritmo que non o soportan as arcas municipais".

A popular resumía en tres parámetros esta afirmación: baixa a liquidez, redúcese o aforro e acaban cos remanentes de tesourería.

Outra reflexión que fixo a edil popular é sobre que PSOE e BNG “non teñen prioridades claras porque para o que queren si hai diñeiro” xustificando esta afirmación con varios exemplos

Citou a contratación da publicación dun libro sobre a historia do abastecemento de augas de Lugo (10.000 euros); a reforma de despacho (3.894 euros), o mantemento das Caldas (400.000 anuais), as festas de San Froilán de 2023 (1.111.942,54 euros), 1.700 euros ao mes nunha nave dp Corgo para gardar as piscinas e as turbinas da Fábrica da Luz, ou o edificio Impulso Verde, "que segue sen uso e en todo o ano fixéronse 16 visitas".

Outro aspecto que analizou a concelleira popular é o do desfase entre o que presupostan e o que finalmente ingresan tomando como exemplo os impostos de auga, sumidoiros e lixo nos que prevían recadar case 15 millóns de euros e, finalmente, cobraron 9,5 millóns polo que habería un defase de 5,4 millóns.

"Estes datos fannos pensar que ou ben menten nas previsións que fan, ou ben non xestionan deixando que moitas persoas non paguen polo que fomentan que haxa cidadáns de primeira e de segunda", explica.

Carballas puntualizaba que hai fórmulas para conseguir os catro millóns que o goberno local dixo que necesitaban ingresar sen ter que subir os impostos aos cidadáns.

Os populares tamén lamentaron a falta de transparencia por parte do Goberno local, "que só facilitou a semana pasada o documento da Conta Xeral de 2023 que recibimos porque están obrigados a compartila por lei, e mesmo así, vai fóra de prazo".

Conclúe Carballas que esta suba de impostos "á cal nos opoñemos vén motivada pola xestión deficiente dos últimos anos dos gobernos socialistas e nacionalistas que gastan máis do que ingresan e impulsan proxectos que non responden as necesidades da veciñanza pero que teñen elevados custes de mantemento".

0.09732985496521