O PP de Lugo fala de “crise sen precedentes” no goberno local tras a saída de Reigosa ao grupo de non adscritos

O Partido Popular de Lugo asegurou que o goberno municipal atravesa unha “crise sen precedentes” tras a decisión da concelleira María Reigosa de pasar á condición de non adscrita, unha determinación que, segundo indicaron, “respectamos e que responde ao seu ámbito persoal e político”.
Na reunión celebrada onte pola Xunta Local do PP, tanto a voceira municipal, Elena Candia, como o presidente local, Ramón Carballo, coincidiron en que a situación actual require “unha reflexión profunda” ante o que consideran un deterioro do executivo local.
Desde o PP sinalan que o ocorrido nas últimas horas “volve evidenciar un goberno de dous, PSOE e BNG, que vai a menos, perde apoios e impulsa proxectos que xeran máis problemas que solucións”. Como exemplos, apuntan a “un Plan de Mobilidade aprobado sen consenso e sen alternativas reais, que terá impacto negativo en moitos barrios”, así como “anuncios que non supoñen avances, como o do tren a Madrid, que na práctica o que nos supón é adiantar o horario dun tren que xa existe, pero seguen deixando a Lugo como a cidade con peores conexións ferroviarias”.
Tamén criticaron “actuacións bloqueadas como o convenio de Serra de Meira, que segue sen asinarse malia contar con financiamento da Xunta”, e engadiron que se trata dun “bipartito máis preocupado do desgoberno interno que en solucionar os problemas da cidadanía”.
En relación coa figura do alcalde, desde o PP denunciaron “falta de liderado, cunha forma de gobernar afastada da empatía e do diálogo, e unha actitude de desprezo cara á oposición e, polo que se está vendo, tamén cara a membros do seu propio equipo de goberno”.